A música tradicional tomará Samos na terceira edición dos Cantos de Taberna

O municipio de Samos acollerá o vindeiro 11 de abril unha nova edición dos Cantos de Taberna, unha proposta organizada pola Asociación de Comerciantes e Artesáns que aposta por dinamizar a vida social e cultural a través da música tradicional e o encontro veciñal.
Nesta terceira edición participarán sete grupos chegados de diferentes puntos da provincia, que serán os encargados de levar o ritmo polos distintos establecementos da vila. Entre as formacións confirmadas figuran Son de Outeiro, de Outeiro de Rei; Os Corenta e Chinco, da Pobra do Brollón; Toxo Queimado, de Baleira; Cakiodoasma, de Chantada; e, desde Lugo, Foliada do Queixadoiro, The Cara-Cas e Os Sureños.
A cita arrancará arredor das 19:00 horas na praza Vergara Vilariño, onde os grupos se reunirán antes de iniciar un percorrido musical que os levará por oito locais: hotel Casa dos Gardas, restaurante Albaroque, mesón A Pontenova, bar Abadía, Tras Convento, A Cantina de Renche, Casa de Aira Padrón e hotel A Veiga Samos.
Ao longo da tarde e da noite, os establecementos participantes converteranse en pequenos escenarios nos que a música popular e os cantos tradicionais crearán un ambiente animado, convidando á participación tanto da veciñanza como das persoas visitantes.
Como peche da xornada, a partir das 22:30 horas, o campo da feira acollerá un encontro final no que os músicos compartirán uns pinchos e ofrecerán unha última actuación conxunta, poñendo o broche a unha iniciativa que combina tradición, ocio e convivencia.