A nogueira do Camiño Vello de Triacastela, incluída no Catálogo de árbores senlleiras

SarriaXa
A nogueira do Camiño Vello, localizada no Concello de Triacastela, incluída no Catálogo de árbores senlleiras
Nogueira Triacastela portada
9 Dec 2022

A Nogueira do Camiño Vello (Juglans regia L), localizada no concello de Triacastela, vén de ser incluída ó Catálogo galego de árbores senlleiras segundo publica o Diario Oficial de Galicia, que salienta as características dendrométricas, a singularidade e a beleza deste exemplar.

A Nogueira do Camiño Vello, con 9 metros de altura e 7 metros de circunferencia e cunha inclinación de 40º cara ao leste, enraizada directamente na rocha localízase ó carón da Casa da Ponte, vella ferrería onde en 1812 se instalou un hospital de tránsito para atender a soldados enfermos que loitaban contra as tropas francesas durante a Guerra de Independencia.

O seu vasto toro e as súas cavidades, algunhas delas completamente abertas, mostran o inescrutable paso do tempo, as inxerencias do clima e dos insectos que nela habitan.

Unha ferramenta en constante actualización

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, dende a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso da Nogueira do Camiño Vello.

Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 184 elementos —145 exemplares e 39 formacións arbóreas— pertencentes a 81 especies diferentes.

Nogueira Triacastela
0.16608285903931