A Noite Meiga converteu a Sarria no epicentro da tradición, a música e a convivencia veciñal

SarriaXa
O concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre foi un dos momentos máis destacados dunha fin de semana inesquecible
concierto-Xabier-Díaz-Noite-Meiga-Sarria
1 Sep 2025

Sarria viviu unha das súas fins de semana máis máxicas coa celebración da Noite Meiga 2025, organizada pola asociación cultural Meigas e Trasgos, que encheu o Parque do Chanto de tradición, festa, cultura e sentimento de comunidade entre o venres 29 e o domingo 31 de agosto.

O inicio da programación contou cunha multitudinaria andaina popular con fachos desde o cruce de Catro Camiños, que abriu paso a unha noite chea de música. O concerto de Xabier Díaz xunto coas Adufeiras de Salitre, acompañado polas actuacións de Mondra e Russinha, converteuse nun dos momentos máis especiais do venres, reunindo a centos de persoas que gozaron dunha posta en escena vibrante e chea de emoción.

O sábado mantivo o nivel festivo cun completo programa no que se incluíron o concerto da Banda de Música da Comarca de Sarria e Clarisaxos, o pregón coa participación de Meigas e Trasgos, unha multitudinaria cea popular e, xa de madrugada, a tradicional Danza da Noite Meiga, seguida polas actuacións de The Crooners e Banana Joe.

A programación pechouse o domingo coa Tardiña Meiga, que ofreceu ao público familiar un concerto didáctico co espectáculo Toupelear, a cargo de Branquipanqui e Pablo Pintor, poñendo o broche final a unha edición que reafirmou á Noite Meiga como unha cita imprescindible no calendario cultural e festivo de Sarria.

⚙ Configurar cookies
0.15945291519165