A Noite Meiga de Sarria acollerá o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre

A Asociación Meigas e Trasgos presentou o cartel da Noite Meiga, unha cita xa emblemática no verán sarriao que se celebrará durante a última fin de semana de agosto, e que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Xunta e o Concello de Sarria.
O programa inclúe concertos, danza e actividades culturais centradas na tradición e o imaxinario mítico galego, nun evento que busca ser recoñecido como Festa de Interese Turístico Galego.
O venres 29 de agosto abrirase a programación co concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, xunto coas actuacións de Mondra e DJ Russ. O sábado 30, a festa continuará coa música da Banda da Comarca de Sarria, D'Crooners Band e os grupos de danza da propia asociación Meigas e Trasgos, que culminarán a noite coa representación da tradicional Danza da Noite Meiga, un espectáculo arredor do lume e das meigas.
A xornada do domingo estará pensada para os máis pequenos coa celebración da “Tardiña Meiga”, mantendo o espírito festivo e familiar desta celebración que leva máis de cincuenta anos viva.
O vicepresidente da asociación, Iván Piñeiro, foi o encargado de desvelar o programa, lembrando que xa se ten tramitado o recoñecemento oficial como festa de interese turístico, un obxectivo que conta co respaldo da Xunta.
Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, puxo en valor o papel de Meigas e Trasgos como referentes culturais en Sarria e destacou que a Noite Meiga simboliza a forza do noso patrimonio inmaterial, combinando tradición e innovación a través da música e da danza.