A nova ponte de Supena, en Láncara, podería estar rematada a finais de mes

SarriaXa
Cun orzamento superior aos 600.000 euros, o proxecto incluíu a demolición do antigo viaduto e a construción dun novo
Láncara-e-CHMS
1 Feb 2025

A construción da nova ponte de Supena, na parroquia de Ronfe (Láncara), atópase na súa fase final co formigonado do taboleiro. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) estima que as obras estarán rematadas a finais de febreiro.

Cun orzamento superior aos 600.000 euros, o proxecto incluíu a demolición do antigo viaduto e a construción dun novo. A empresa Vipeca Obras y Servicios, encargada da execución, aínda debe completar o asfaltado e a instalación das barreiras de seguridade, entre outros detalles finais. Segundo os prazos previstos, a infraestrutura estará operativa nun mes aproximadamente.

A ponte anterior sufriu danos estruturais nun dos seus piares, situación que se agravou coas crecidas do río Sarria en xaneiro de 2023. Debido ao seu deterioro, o Concello decidiu pechala ao tráfico e optar pola construción dunha nova estrutura no mesmo lugar para garantir a súa integración coa rede viaria.

Para levar a cabo o proxecto, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, asinaron un protocolo de actuación en febreiro de 2023, seguido dun convenio de colaboración en marzo. Segundo este acordo, a CHMS financia o 80 % do orzamento, mentres que o Concello achega o resto, o que fixo necesaria unha modificación de crédito.

Unha vez completados os trámites administrativos, as obras comezaron a finais de xuño do ano pasado, iniciándose coa demolición total do antigo viaduto, incluíndo o taboleiro, os piares e os estribos.

A ponte anterior presentaba graves problemas estruturais e carecía da capacidade hidráulica suficiente, o que a facía vulnerable ante avenidas de gran magnitude, segundo explicou a CHMS. Por este motivo, a nova infraestrutura foi deseñada para cumprir cos estándares do plan hidrolóxico, cunha sección e unha anchura maior.

O viaduto antigo contaba cunha calzada de só tres metros de ancho, o que impedía o paso simultáneo de dous vehículos. Para solucionar esta limitación, o novo viaduto incorpora dous carrís de tres metros cada un, ademais dun espazo peonil de dous metros de ancho.

As obras tamén implicaron o desvío temporal da rede de abastecemento, debido á construción do estribo na marxe dereita do cauce. Ademais, está prevista a reposición dun camiño de acceso na marxe esquerda, así como a restauración ambiental do río Sarria e das súas beiras.

0.15604591369629