A nova subdelegada preside a Xunta Local de Seguridade do Rally San Froilán

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Olimpia López agradeceu o esforzo e traballo da Escudaría Miño por manter viva “unha das citas ineludibles para o mundo do motor”
olimpia-xunta-seguridade-san-froilan
14 Oct 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade convocada con motivo da 47ª edición do Rallye San Froilán, que se celebrará os días 17, 18 e 19 de outubro de 2025.

Na reunión participaron responsables da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Nacional, Policía Local de Lugo, Protección Civil, Bombeiros, así como representantes da Escudaría Miño, do Concello de Lugo, da Deputación Provincial e dos concellos polos que discorre a proba. O obxectivo do encontro foi coordinar o dispositivo de seguridade e tráfico para garantir o desenvolvemento da competición con todas as garantías, tanto para os participantes como para o público asistente.

Durante a xunta, a subdelegada destacou “a importancia de manter a coordinación entre administracións e corpos de seguridade para que o Rallye San Froilán continúe sendo unha cita segura e exemplar”. Engadiu que “este evento é un bo exemplo de cooperación institucional, traballo conxunto e compromiso coa nosa provincia”.

López agradeceu o labor e a implicación dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, que cada ano despregan un dispositivo especial con axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil e da Policía Nacional, tanto nos tramos da proba como nas zonas urbanas de maior afluencia.

A subdelegada puxo tamén en valor o papel da organización e dos voluntarios, así como o comportamento responsable da afección, “que demostra o seu entusiasmo polo motor con respecto e civismo, permitindo que o rallye siga sendo unha festa deportiva e familiar”.

Por último, López destacou o impacto positivo da proba sobre o territorio, sinalando que “o Rallye San Froilán é máis que unha competición: é tamén un impulso económico e social para os concellos polos que pasa, que reciben a milleiros de visitantes e proxectan o mellor da nosa provincia”.

O 47º Rallye San Froilán será a última proba do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto 2025. Constará de catro treitos diferentes, todos eles a dobre pasada, cun total de 93,04 quilómetros cronometrados e 441,16 quilómetros totais.

A súa base estará no Concello de Lugo, co Parque de Traballo situado no Polígono Industrial de Outeiro de Rei e o Parque Pechado na Avenida Ramón Ferreiro da capital.

Os treitos cronometrados transcorrerán polos concellos de Outeiro de Rei, O Corgo, O Páramo, Sarria e Samos, realizando os reagrupamentos en Area 507 (Outeiro de Rei) e pola tarde na Avenida Calvo Sotelo (Sarria).

A competición rematará na Avenida Ramón Ferreiro, no Concello de Lugo.

A presentación oficial da proba celebrarase esta tarde diante da Deputación de Lugo, coa presenza de autoridades, organización, patrocinadores e afeccionados, dando así o pistoletazo de saída a unha nova edición desta cita emblemática do motor galego.

⚙ Configurar cookies
0.065495014190674