A novena edición do Esmorga Fest celebrarase en Sarria no mes de outubro
O Festival Esmorga Fest xa ten datas de celebración, sendo os días 25 e 26 de outubro cando se desenvolverá o evento de música indie.
Desta maneira, esta será a novena edición deste festival que ten como finalidade seguir coa inclusión de bandas emerxentes de anos anteriores e seguir promovendo a alta participación da veciñanza e doutras persoas interesadas no evento.
Así, a planificación do festival mantense como noutras edicións, sendo a primeira xornada dedicada a desfrutar dos concertos na sala Litmar; mentres, o sábado, as actividades musicais desenvolveranse na Sociedade La Unión e á noite volverán á Sala Litmar onde rematará o evento.
Desde a organización explican que o cambio de data do evento, xa que se viña facendo a finais de maio, débese a que non conseguiron organizalo antes e que cada vez é máis difícil afrontar o custo de organizar un evento como este.
Con respecto aos artistas, queren seguir dándolle continuidade ás bandas emerxentes e na edición anterior formaron parte do cartel 19 grupos de música indie como Los Punsetes, Toundra e Grande Amore.