A obra Escola de Vaqueiras da compañía Metátese Teatro chega a Sarria este decembro
A vila de Sarria acolle o vindeiro sábado 17 de decembro a representación da obra Escola de Vaqueiras de Metátese Teatro.
O Colexio de Loseiro será o lugar elixido para o evento que dará comezo ás 20.00 horas. Unha comedia para tódolos públicos que ten unha duración de 65 minutos e está dirixida por Afonso García Pernas.
Escola de Vaqueiras conta a historia dun grupo de homes e mulleres que desexan regresar ó rural e deciden asistir a unha academia na que se imparten clases maxistrais sobre os labores do campo, establecéndose en clave cómica un paralelismo entre o universo da aldea galega e o vello Oeste Americano.
Nesta obra amósase un sorprendente universo teatral no que se reflexiona, con altas doses de humor e retranca, sobre a vida na aldea, sobre os conflitos familiares, sobre a convivencia entre veciños e sobre a igualdade nos roles.
Metátese Teatro é unha compañía de Palas de Rei que vén de representar obras coma Un país sen auga.