A oposición de Sarria critica a xestión da residencia de maiores por parte do Goberno local

O BNG de Sarria mostra a súa preocupación pola situación da residencia de maiores do municipio, sinalando que os problemas de xestión e financeiros do centro son consecuencia da incapacidade do goberno municipal para planificar e asumir responsabilidades.
Segundo o portavoz nacionalista, Efrén Castro, a oposición leva anos propoñendo solucións, como a subida de taxas acompañada de cobertura social para evitar que ninguén quede excluído por motivos económicos, polo que “non existe bloqueo ningún, e resulta inadmisible que se intente trasladar a responsabilidade á oposición”.
Este mércores celebrouse a xunta reitora da residencia e os grupos de oposición, PP, PSOE e BNG mostráronse contrarios a modificar a ordenanza de prezos públicos, polo que se descartou levar este asunto ao próximo pleno. O alcalde, Claudio Garrido, advertiu que, ante a falta de apoio económico doutras administracións e a negativa da oposición a aumentar as taxas, podería verse obrigado a tomar medidas como a non admisión de novos usuarios para reducir gastos, unha situación que, segundo afirma, compromete o futuro do centro.
O PSdeG-PSOE de Sarria considera "especialmente grave" que Garrido suspendese a xunta reitora da residencia ao comprobar que ningún dos tres grupos da oposición apoiaba a súa proposta. “É un novo exemplo da súa falta de talante democrático: cando non obtén o que quere, rompe as reunións e culpa aos demais. O patrón é sempre o mesmo”, critica Escrontela.
Pola súa parte, dende o Partido Popular de Sarria califican de "victimistas e non axustadas á realidade" as declaracións do alcalde de Sarria respecto a un suposto bloqueo á residencia e recordan que na reunión da Xunta Reitora tenderon a man para buscar solucións fronte á situación económica do Concello que tamén se estende á residencia.
O voceiro socialista, Benjamín Escontrela critica que Garrido empregue a ameaza de non admitir novos usuarios na residencia como resposta ao déficit económico. “Isto non é responsabilidade da oposición, senón o resultado de sete anos de abandono e falta de planificación”. Para o PSdeG, anunciar esta posibilidade “é unha forma inaceptable de meter medo á poboación maior e as súas familias”.
A formación lembra que o propio alcalde recoñeceu que a residencia arrastra un déficit crecente e máis de vinte baixas laborais sen cubrir, situación que xa denunciaran os socialistas e que “non aparece da nada, senón que é consecuencia directa da súa falta de xestión”. Ademais, apuntan que Garrido xa subiu as cotas en 2023 e intentou aprobar outra suba do 11% en abril “sen presentar ningunha mellora no servizo”, o que demostra que “a súa única resposta aos problemas é cargar o custo sobre a veciñanza".
Finalmente, o BNG insiste en que os problemas da residencia non son novos e que afectaron tamén a gobernos anteriores, sen que ningún deixase de prestar o servizo. Castro reiterou que “é moi doado querer ser alcalde sen asumir ningunha responsabilidade sobre a xestión; levan xa sete anos de goberno e queren facer ver que acaban de chegar” e denunciou que “temos un goberno municipal esgotado e sen proxecto para Sarria”. Os nacionalistas tamén apelan á implicación efectiva da Xunta de Galicia, como administración competente en servizos sociais, para garantir a cobertura permanente do centro.
A voceira popular, Carmen José López, defende que eles propuxeron unha suba do IPC "para compensar a suba dos prezos dos servizos e suministros e non agravar o déficit da residencia, tal e como asumiu tamén o resto da oposición, pero o Grupo de Goberno sempre vén con propostas pechadas que adoitan ser reiteradamente a mesma, subir as taxas sen buscar opcións alternativas".
Por iso, insisten en pedir ao Goberno local unha planificación e a detección de áreas de mellora para acadar a viabilidade da Residencia de Maiores. "A residencia ten futuro, pero ese futuro necesita unha xestión eficiente e unha mínima planificación en lugar de propostas precipitadas, chantaxe política e victimismo", conclúen.