A oposición fala: Benjamín Escontrela, portavoz do PSOE en Sarria

SarriaXa
Benjamín Escontrela, portavoz do PSOE desde 2023, representa á oposición socialista no Concello, un labor de “control e limitación do Goberno”.
3 Mar 2024

Benjamín Escontrela, portavoz do PSOE desde 2023, representa á oposición socialista no Concello, un labor de “control e limitación do Goberno”.

Por Jessica Fernández.

Benjamín Escontrela, que de profesión é médico, iniciouse na política da man de Antón Fortes e no partido político Compromiso por Galicia (CxG) no municipio a onde pertence, Sarria. Con este partido, tanto Antón Fortes como Benjamín Escontrela entraron no Goberno municipal tralas eleccións do 2015, no que o partido conseguiu tres concelleiros.

Porén, no 2016 Compromiso por Galicia expulsou tanto a Antonio Fortes como a Benjamín Escontrela do partido “dunha forma nada transparente nin legal”, explica Escontrela. Así, Benjamín buscou outra opción política, xa que seguía tendo interese por este ámbito, e así adheriuse a Galicia Sempre, chegando a presentarse como cabeza de lista nas eleccións de 2019, nas que conseguiu formar parte do Goberno xunto con Camiña Sarria.

Nese período, entre 2019 e 2023, Benjamín Escontrela foi o responsable dos Servizos Sociais do Concello ata que a finais de 2022 o alcalde Garrido anunciou o cesamento deste concelleiro polas “gravísimas irregularidades coa falta de contratación de conciliación”, segundo Garrido, e polo “rumor de que eu ía a encabezar a lista do PSOE nas eleccións do 2023”, segundo Escontrela.

Así, “comezou un ataque e unha persecución política xudicial contra a miña persoa”, critica o portavoz socialista, “que se mantén ata o día de hoxe”.

O labor do PSOE no Concello de Sarria

Para Benjamín Escontrela, o labor da oposición consiste en controlar e limitar o Goberno, así como ser unha alternativa para formar novos gobernos. Así, di que “hai que dialogar, inspeccionar de preto ao Gobenro, controlar os procesos; pero tamén ser unha esperanza e unha alternativa, denunciando a instancias xudiciais cando sexa necesario”. Por outra parte, di que a oposición tamén debe “propoñer alternativas edificantes, garantir o cumprimento das dilixencias, cooperar, criticar, investigar o equipo de goberno, e tamén debe haber colaboración, xa que se hai dialogo por parte do Goberno coa oposición, pódese chegar a acordos”.

Concretamente, di que o labor da oposición non é igual en todas partes, xa que “depende e inflúe  moito como son os equipos de Goberno” e aquí, no Concello de Sarria, di que “aquí o equipo de Goberno fai o que lle dá a gana, entón é máis complicado chegar a acordos”. Así, sostén que “aínda estando en minoría, non hai dialogo, non hai respecto pola oposición porque a forma de actuar deste alcalde é ditatorial”.

Porén, Benjamín Escontrela defende que a pesar desta situación, o PSOE está a facer cousas por mellorar a vida dos veciños e veciñas de Sarria, xa que “contamos co apoio da Deputación de Lugo e a comunicación é continua, polo que promoveremos unha serie de actividades e iniciativas que van ir encamiñadas á saúde, así como máis cousas”, xa que o Concello de Sarria “ten moitas necesidades”.

Segundo Escontrela, as necesidades do Concello de Sarria son: a reforma do edificio da residencia de anciáns e a súa ampliación, xa que “90 prazas para un Concello e comarca como é Sarria son poucas”, explica; unha boa alternativa cultural, deportiva e social, “como na miña etapa, que puxemos a andar a atención tempera, o banco de alimentos, o servizo de madrugadores...”. Así, di que “o que máis lamento é non poder ter feito o da residencia, porque é un obxectivo prioritario para o pobo de Sarria”.

Por outra parte, di que hai que “impulsar o servizo da recollida do lixo, potenciar o medio rural, as pistas, a iluminación, poñer en marcha o CIM, mellorar as pistas rurais para fomentar a comunicación fluída entre a zona rural e o urbano, facer actividades para todo o mundo, incluído o rural, para facelos partícipes e contar con eles para todo”, conclúe.

¿Como inflúe a política na vida persoal?

Para Benjamín, estar involucrado na política do seu Concello ten como beneficio promover que “se fagan as cousas como se teñen que facer no municipio, con transparencia, dilixencia, ética e responsabilidade”. Por outra parte, di que tamén ten prexuízos a nivel persoal, porque “a xente non entende o que fas e as persoas tómanse as cousas a nivel persoal cando é unha cousa política, e son cousas que hai que pagar por ser político, hai que convivir con iso”. Ademais, engade que “inflúe moito se o equipo de Goberno, en vez de aceptar o que lle dis, tómano a mal e intenta desacreditarte e intenta infravalorarte”. En definitiva, di que “é unha anomalía, porque o comportamento deste alcalde non é normal”.

Con respecto aos obxectivos de futuro, Escontrela di que desde o PSOE seguirán controlando as funcións do Goberno e fomentar que se fagan diversas tarefas e execucións, pero sempre “con transparencia e axustadas á lei”, permitindo o acceso a información, xa que lembra que se aprobou nun pleno que hai que dar a información por vía electrónica ao representante político que a pida.

0.18216490745544