A oposición fala: Carmen José López, portavoz do PP en Sarria
Por Jessica Fernández.
Para Carmen José López o papel da oposición consiste en ser canalizadores das necesidades das que nos fai partícipes a veciñanza, “polo que estamos moi pendentes de intentar levar ao pleno as reivindicacións e propostas que se nos trasladan”.
Carmén José López, portavoz do Grupo Municipal do PP de Sarria, empezou a formar parte da política o ano pasado, en 2023, cando lle propuxeron encabezar a lista popular nas eleccións municipais de maio.
“Decidín asumir o reto e é o proxecto máis apaixoante que podía imaxinar, intentar aportar e desenquistar materias pendentes en Sarria, así como poñer en valor todo o potencial e oportunidades que temos”, explica.
“Son unha convencida da capacidade da política local para xerar cambios e melloras nos territorios e, consecuentemente, nas vidas da xente que vive neles”.
A pesar de levar un ano en política, López sempre estivo involucrada en movementos sociais nos que cría que podía aportar, principalmente en eidos vinculados ao emprendemento e tamén á igualdade, como na Federación Gallega de Jóvenes Empresarios (AJE Galicia), da que foi presidenta, ou como membro das directivas da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galícia (APE Galicia) e Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU), entre outras.
Con respecto á política local de Sarria, Carmen forma parte desta desde xuño de 2023, cando ela e os seus compañeiros entraron no Concello a favor labor de oposición, un traballo que ven como unha “responsabilidade” na que o principal é levar a cabo unha “fiscalización e control, pero tamén unha importante función propositiva que viñemos demostrando a través das distintas iniciativas que presentamos en todos os plenos con distintas propostas”, explica. “É importante combinar esas dúas perspectivas, a fiscalizadora, co fin de velar polo interese xeral do municipio, pero tamén deben facerse propostas en positivo”.
Con esta vocación, “propuxemos mocións como a do plan de eliminación de barreiras arquitectónicas nas rúas de Sarria, a construción dun parque cuberto no lugar que agora ocupan as antigas vivendas dos mestres do Colexio Frei Luís de Granada, o Plan integral de Recuperación do parque do Chanto ou a Ruta do Románico de Sarria, entre outras”, detalla a popular.
Por outra parte, sostén que “resulta prioritario tamén ser canalizadores das necesidades das que nos fai partícipes a veciñanza, polo que estamos moi pendentes de intentar levar ao pleno as reivindicacións e propostas que se nos trasladan. Cando un veciño ou veciña nos chama para contarnos unha problemática está depositando a súa confianza no noso papel representativo e interlocutor, e é fundamental para nós corresponder e intentar buscar solucións ao respecto, aínda que sexa dende a postura da oposición”, conclúe.
As necesidades do Concello de Sarria, en detalle
Segundo Carmen López, hai moitas necesidades, polo que “non é fácil desgranalas nunhas liñas, pero o primordial é que temos que conseguir que o noso territorio sexa un territorio atractivo para vivir e tamén reivindicar e poñer en valor o noso potencial”, subliña.
Concretamente, di que unha das queixas “que máis escoitamos é a relativa ao estado descoidado de moitos espazos, das beirarrúas, do mobiliario urbano, dos parques e, en xeral, do municipio, tanto na zona máis urbana como nas parroquias rurais”.
Vinculada á necesidade de coidar os espazos está tamén a de “potenciar os paseos fluviais e mellorar a contorna dos ríos, facer unha praia fluvial, e levar a cabo o plan de recuperación do Chanto, así como potenciar espazos verdes e de ocio”, aclara.
Por outra banda, desde o Partido Popular botan en falta un plan de turismo que incida na diversificación do mesmo e na posta en valor do noso patrimonio, “que afortunadamente é moito, da nosa cultura ou da nosa gastronomía como valor para atraer visitantes durante todo o ano”.
Por último, apunta que hai unha necesidade de axilizar e reducir prazos nos trámites ante o Concello, xa que “actualmente temos moitas queixas de solicitudes de licencias que se eternizan e que se alongan durante anos, unha circunstancia que implica que o noso municipio ás veces non resulte atractivo para implantar novas actividades”, indica. E engade que “é necesario lembrar algo que xa reivindicamos en moitas ocasións, que é a necesidade de solo industrial asumible”.
O Partido Popular, neste eido, axuda a mellorar a vida na vila a través da súa “implicación nas problemáticas dos veciños e trasladando as necesidades aos plenos do Concello en forma de mocións, que “quedaron nun caixón inmediatamente despois de aprobarse”, critica. En calquera caso, explica, “seguiremos propoñendo e recordando a necesidade de que se cumpran e, por suposto, trasladando as necesidades da veciñanza, é a nosa obriga e tamén o noso propósito prioritario”.
A política, a nivel persoal para Carmen José López
Para a popular, o principal sacrificio a nivel persoal que ten formar parte da política local “é o do tempo, xa que cando me implico en algo intento facelo en corpo e alma, e dende logo neste caso con máis motivo”, explica.
“Sempre o dixen e sigo convencida delo, é o proxecto máis apaixoante no que me embarquei na miña vida e esta sendo unha etapa moi satisfactoria. Estou feliz de ter dado o paso, é unha aprendizaxe constante e recibo o cariño da miña veciñanza todos os días. Iso non ten prezo e compensa con creces todo o esforzo”, valora López.
Así, conclúe que “sen dúbida, intentar ser útil e reivindicar o papel e as necesidades do noso territorio, da nosa provincia e, máis particularmente, do noso municipio”.