A oposición fala: Gumersindo Rodríguez, de Alternativa Veciñal do Páramo
Por Jessica Fernández
Gumersindo Rodríguez entrou na política local do Páramo con 32 anos co partido político Coalición Galega, co que gañou as eleccións dúas veces, sendo alcalde durante dúas lexislaturas representando este partido. Porén, no ano 91, cambiou de partido para liderar aos populares do Páramo e gañar as eleccións locais sete veces seguidas. Con isto, Gumersindo Rodríguez foi durante 36 anos alcalde do Páramo, ata que decidiu dar un paso ao lado e preparou o seu relevo para deixar a alguén máis novo como rexedor. “Durante 36 anos movinme e fixen cousas, pero chegado o momento quixen deixarlle o relevo a un compañeiro, pero non cumpriu os obxectivos”, explica. Por iso, algunhas persoas do PP que non estaban de acordo en que esa persoa liderase o proxecto popular, decidiron formar un partido político independente: Todo polo Páramo, liderado por José Luis López, que se presentaron nas eleccións de 2019 e gañou. “Dixéronme que se eu me poñía na cabeza da lista polo PP, en vez do rapaz que eu elixira, non habería unha lista independente, pero así saíu”. Porén, para estas eleccións de 2023 a cabeza de lista foi José Luis López, desintegrando o partido de Todo polo Páramo, e Gumersindo Rodríguez decidiu formar o seu propio partido político: Alternativa Veciñal polo Páramo, “aínda que ao final quedámonos integrados no de Galicia Sempre porque, xuntamente con outros partidos independentes de Lugo, queriamos conseguir un deputado na Deputación de Lugo”.
Así, Galicia Sempre conseguiu 3 concelleiros e o PP 6, aínda que o representante da oposición sostén que por “25 votos podiamos sacar 4 concelleiros e eles 5 e habería menos diferencia. Non confiamos na custodia do voto nin no voto por correo da xente maior”, explica. Ademais, sostén que con estes votos, “viron que Sindo non estaba tan gastado como pensaban”.
O TRABALLO DA OPOSICIÓN
O labor de oposición para Rodríguez é “máis fácil do que é estar no Goberno local, aínda que estou máis acostumado a ser alcalde, xa que o fun durante 36 anos”. El cre que o papel do que non está no Goberno é “informar ao pobo o que se está facendo e como se están gastando os cartos, aínda que nós estamos tendo problemas para coñecer os datos de certas actuacións; hai que facer que o Goberno poña énfase noutros sentidos que non ve, pedir melloras para o pobo, e fas algo de regulador, para animar ou para frear. Velar polo que ti farías ou o que é beneficioso para os veciños e que teñan cousas que necesiten porque pagan. Ademais, todo o que se poida facer será pouco, podes ter unha idea do que necesitan os veciños pero hai que falar con eles”, argumenta.
“Eu sempre antepuxen os intereses dos veciños ao dos partidos, sendo alcalde e sendo oposición. Eu non estou aquí para render tributo ao partido nin para facer carreira política, eu estou aquí para axudar aos veciños. Polo partido de hoxe ou polo que sexa, a actuación ten que ter o mesmo norte: ser útil e intentar resolver aos veciños as necesidades e traballar, traballar e traballar. Eu son unha persoa que traballa, eu nunca desfrutei da política”, explica.
Por iso, di que nunca tivo ningunha aspiración política. “Agora estou xubilado, pero empecei aos 32 anos e pensaba no porvir, pero a vida ensínache a valorar o que tes e na política tamén, as aspiracións non poden ser de construír torres de babel, hai que facer cousas pequenas porque a vida diaria nútrese de cousas pequenas. Hai que valorar o que tes e cos pes na terra hai que ser sensatos e saber o que podes conseguir”, sentenza.
Rodríguez defende que hai que implicarse na vida dos veciños, dedicando “unha vida de servizo e de escoitar. Todo hai que facelo con cariño e a satisfacción que che dá conseguir as cousas para os veciños e tocar a campaniña ao Goberno para que faga cousas. Eu como goberno non tiven desculpa para facer cousas, hai que moverse e buscar os cartos debaixo das pedras, e neste caso, na oposición, é totalmente diferente, hai que espabilarlle ao goberno para que faga cousas”, conclúe.
AS NECESIDADES
Segundo explica o portavoz da oposición, O Páramo ten diversas necesidades que resolver, aínda que poida “parecer paradóxico dicir que hai necesidades despois de tantos anos gobernando. Eu fun alcalde e nunca está todo feito”. Rodríguez é consciente de que hai “un límite presupostario e iso manda, pero hai necesidades”. Lembra que cando el aínda era alcalde, fixeron un proxecto de dotar ao concello dun plan urbanístico que se lle encargou á USC e que cando souberon que non ía admitir solo industrial, cambiaron a un plan xeral. Porén, o plan xeral “durmiuse durante moitos anos polas novas leis, novos cartos, novos prazos... e a USC terminou cobrando moitos máis cartos do que estaba estipulado pero sen acabar nunca o plan”, explica. Así, explica que a Xunta aprobou para O Páramo o Plan Básico Municipal cando el xa non era alcalde, “pero fixemos todo o posible para que se levara a cabo”.
Así, Gumersindo defende que agora mesmo hai a necesidade de “marcar un solo industrial, xa que non hai polígono industrial e hai necesidade de facer un plan especial con plan urbanístico e un polígono industrial con impacto ambiental, estradas...”. Por iso, no último pleno do 30 de abril, Galicia Sempre presentou tres mocións “razoables e popularmente ben vistas”, pero non foron aprobadas polo Goberno local, o que o líder da oposición achaca ao novo representante do Goberno local, o tenente de alcalde. “Pedimos o saneamento dun pobo, a mellora doutra parroquia e unha proposta para elaborar un plan ambicioso para mellorar as estradas, xa que deixei un remanente de case 800.000 euros en 2019 e agora haberá algo menos, co que se poden tapar os buratos das estradas e para que a xente poida vivir mellor. Estrañounos que nos rexeitaran as nosas mocións porque era bo para O Páramo”.
Por outra banda, di que é necesaria a residencia de maiores, así como “hai moitas obras básicas e servizos básicos que non se están levando a cabo, como o SAF, xa que hai moita dependencia e é un pobo envellecido”. Di, ademais, que non se está respectando a orde da lista de prioridades do SAF que a Xunta marca para o Concello e, polo tanto, hai persoas que “non están recibindo o servizo necesario. Isto é deixadez de funcións, ademais de obstrución, xa que nós pedimos os datos e temos dereitos a eles pero non nolos dan. Por isto iremos á Valedora do Pobo ou ao Xulgado, xa que queremos saber os datos porque non se está facendo ben nin cubrindo as horas que establece a Xunta”, remata.