A oposición fala: Miguel Ángel Fernández, portavoz do PSOE de Triacastela
Por Jessica Fernández
Miguel Ángel Fernández, portavoz do PSOE en Triacastela, afiliouse ao partido no ano 1983, hai 41 anos e 5 anos despois, no ano 1987 decidiu formar parte das listas nas eleccións municipais de número 2 e gañaron as eleccións, formando así parte da Alcaldía. Nos seguintes comicios, do ano 1991 non participou, pero no ano 1995 volveu ás listas, quedando o PSOE como oposición, e, ademais, asumiu o papel de secretario xeral do Partido Socialista en Triacastela, cargo que ostenta ata o día de hoxe. “Sempre votei ao PSOE e houbo un momento en que decidín afiliarme e participar politicamente, non me considero un político, son unha persoa normal, pero participo da vida municipal”, explica Fernández.
Con respecto ao papel da oposición no Concello, explica que é “totalmente distinto ao de ser alcalde”, xa que do 1999 ao 2011 Miguel Ángel Fernández foi alcalde polo PSOE en Triacastela despois de gañar os comicios electorais municipais, polo que coñece os dous ámbitos, tanto o de Goberno como o de oposición. Así, sostén que “como alcalde e partido gañador, permitíache realizar labores que considerabas importantes para a cidadanía; mentres que como opositor estás de sufridor en casa, e máis tendo en conta que nos plenos non hai contido, non se trata ningún tema, só se len os decretos de Alcaldía, e non tes opción a manifestar a túa opinión en case nada”. Por isto, denuncia a situación, que para el “é deprimente porque debater é imposible e os plenos non teñen sentido: vas escoitar os decretos que hai e nese aspecto non se pode facer moito”.
O PSOE, EN TRIACASTELA
Pola súa parte, con respecto a como os socialistas axudan a mellorar a vida dos veciños, di que o PP na vila non “deixa facer nada”, polo que cre que falar cos veciños “tampouco serve de moito”. Así, explica que “durante a campaña electoral falamos con moitos veciños e achegámonos a moitas parroquias onde nos comentaron moitas problemáticas que estaban a sufrir polo desdén do Goberno local, que non fixo nada na anterior lexislatura, pero logo vótanlle igual. Hai unha tendencia de votar ao PP, aínda que non faga nada, porque hai moita propaganda e publicidade”, concreta.
Así, especifica que formar parte da oposición no Concello de Triacastela “non ten ningún sacrificio persoal, xa que se estás aí, é porque queres; pero tampouco beneficios, porque non cobramos e dedicamos o noso tempo, e si que nos gustaría debater sobre proxectos a facer no noso municipio, pero non é posible”, sostén o socialista.
A el gustaríalle volver á Alcaldía, pero “é moi difícil acabar coa maioría absoluta do PP, así como tamén é moi difícil facer unha lista para as eleccións municipais. Eu fun intentando que entrara xente nova e algunha vez non encabecei a lista, pero nesta ocasión tiven que adquirir o compromiso de facer a lista e tiven que encabezala eu. O despoboamento e o medo a que te poñan na diana por encabezar unha lista do PSOE son factores determinantes que fan que sexa todo máis difícil. Coñezo algunha persoa moi válida e con ideas de esquerdas á que lle propuxen formar parte da lista e dicíame que lle gustaría pero non podía por non perder clientes.
AS NECESIDADES DO MUNICIPIO
Miguel Ángel Fernández di así que hai “moitas carencias” no Concello de Triacastela, pero a principal necesidade no municipio é “que os regulamentos orzamentarios se poñan ao dia, xa que hai mais dun ano que o Concello non percibe os fondos do Estado mensuais, de 11.000 euros, porque o Ministerio de Economía ditou resolución por falta de información sobre os orzamentos en Triacastela”.
Así, explica que el calcula que levarán retidos 180 mil euros dos que a veciñanza de Triacastela non se beneficia “e non ves que se poña interese para solucionar iso porque eu agora mesmo non sei que orzamento ten activo en Triacastela”, denuncia o portavoz da oposición.
Fernández sostén que, en decembro de 2023, se presentou o orzamento para a aprobación inicial de pleno, pero “despois había que publicalo para que as persoas puideran presentar alegacións e volver a pleno para quedar aprobado, pero nos últimos 10 anos nunca se publicou unha aprobación inicial de pleno, co cal non sei como funciona realmente”.
E engade: “Que o Ministerio de Economía tome a decisión de suspender e reter os fondos que lle corresponden ao municipio por cumprimento da lei orzamentaria é moi grave e non se fai nada, porque no pleno cando foi a aprobación inicial dos orzamentos, eu esixín que no máis próximo, en xaneiro de 2024, presentaran os orzamentos de 2024 para en outubro ter os de 2025 e cumprir coa lexislación, e non se cumpriu nada. En decembro volverá a propoñerse o orzamento de 2024, non se publicará e seguiremos igual”.
Por outra banda, di que outro problema que hai é que non se facilita a información do Concello. “Temos unha solicitude de información do anterior portavoz do PSOE de decembro de 2022 que se reiterou posteriormente e aínda non sabemos nada. Pides unha información por escrito e rexistro e nin cha dan e é moi frustrante”, denuncia.
Pero incide en que “o máis grave é estar 16-17 meses cos fondos do Estado retidos, xa que ao non ter eses fondos, non se fan roce de camiños, non se recollen os plásticos de silo, o mantemento das infraestruturas é lamentable... Hai unha depuradora deteriorada que se vai ampliar da man de Augas de Galicia para abastecer aos peregrinos, pero despois dun ano estará abandonada outra vez porque ten que haber mantemento”, conclúe.