A oposición fala: Miguel Gallego, portavoz do PP de Samos
Por Jessica Fernández
Miguel Gallego representa o Partido Popular de Samos desde que encabezou a lista nas eleccións municipais de maio 2023, sendo fillo do anterior alcalde, Julio Gallego, que gobernou o municipio desde o ano 1997 representando ao Partido Socialista.
O portavoz popular explican que “o tema da política e o servizo aos veciños son temas principais que sempre se trataron na miña casa. Mameino desde sempre e os meus ideais sempre foron de dereitas, polo que nas eleccións municipais presentei a miña candidatura polo PP, funme achegando porque eu teño moitos amigos que estaban metidos no PP que me dicían “por que non te unes”, e aproveitei. Como calquera cousa na que te inicias, dá sempre un pouco de ímpeto e emoción de poder representar ao Partido Popular no meu Concello”, explica.
O PAPEL DA OPOSICIÓN
Para Gallego, o papel principal da oposición en Samos é “poder falar cos veciños e levar as súas reivindicacións ao Concello, pero tamén é un labor de controlar ao equipo de Goberno, sobre todo na parte económica, porque está sendo un pouco desastre. Non se están cumprindo cos servizos básicos e o noso labor é velar polo cumprimento das contas. Nós denunciamos que o SAF se está precarizando, pero tamén que non se está a cumprir coas rozas e moitos pobos están en completo estado de abandono”, denuncia. Así, di que eles teñen un trato próximo con veciños: “Dinnos as súas reivindicacións e levámolas aos plenos en forma de mocións, preguntas, rogos... E tamén nos queixamos da situación a través das notas de prensa que mandamos aos medios de comunicación”.
Por outra parte, cre que o seu partido axuda a mellorar a vida dos veciños porque reivindican as necesidades do Concello nos plenos e, ademais, “se os veciños necesitan algo máis a maiores, comunicámonos coa Xunta de Galicia e conseguimos cousas, como os cartos para arranxar a pista de Aián e a de Frexulfe. Pedimos xa 30 mil euros para arranxar a Ruta de Fiz Vergara Vilariño e máis obras en trámites, como arranxos no monte e en pistas forestais”, argumenta Miguel Gallego.
A POLÍTICA, NO PERSOAL
No ámbito máis íntimo, Gallego opina que “o tema da política ten que ser vocacional”, xa que “tes que dedicarlle tempo e dedicarte á vida política municipal, polo que invistes o teu tempo e o teu diñeiro”, pero destaca que eses sacrificios compénsanse porque “coñeces aos veciños, vas a eventos e a longo prazo axudamos a que algunha queixa dos veciños poida ser escoitada e así se responde as súas necesidades. Desta maneira, ves como o Concello medra e progresa, e iso é unha gran satisfacción”, defende. Persoalmente, Gallego explica que non ten “grandes obxectivos políticos; eu quero mellorar Samos, ese é o meu obxectivo; é o lugar onde me criei, onde traballo, onde levo toda a vida e quero revitalizar o Concello para que sexa un referente na provincia e para que se asente poboación”.
Por outra banda, considera que a política de pactos, se se fan, “deben ser polo ben do Concello, non como os que fai o Goberno central, que parece que ten uns pactos estables pero non é así, porque se tes que facer cesións, non ten sentido, porque ao fin ao cabo se para mellorar a vida de 5 veciños, tes que empeorar a vida de 10... Obviamente, se hai un proxecto de estabilidade, nese caso si, pero para facer cesións e inestabilidade, non”.
AS NECESIDADES
Finalmente, falando sobre as necesidades do Concello de Samos, o representante da oposición opina que a decadencia principal é o despoboamento rural pola perda de servizos. “Perdemos a gasolineira do concello, pero tamén é notable a precarizacion dos servizos, como o Servizo de Atención no Fogar, do que xa demos conta en diversas mocións, xa que non se está a cubrir o servizo os días que piden as traballadoras por asuntos propios e os maiores din que moitas veces perden varias horas de servizo, pois se falta a traballadora non aparece ninguén a substituíla, de xeito que algúns que viven sos, teñen que apañarse como poden”, explica.
Ademais, di que é notable “o abandono dos pobos, que non se desbrozan, o Concello non está no estado que debería e ademais o Goberno debería sacar plans de emprendemento”.
Así, di que se el estivera no Goberno local, faría un plan para atraer empresarios e autónomos, xa que o forte do municipio é a gandaría e os servizos. “Hai que abrir novos negocios no centro, que a xente nova veña traballar nas explotacións, recuperar a gasolineira, promover o servizo de desbroce e da mellora das estradas... Hai un tractor, hai xente para traballar e a alcaldesa rexeitou a brigada de incendios, polo que ela reduce servizos”, sostén.
Con todo, critica que o Goberno local “é todo fotos, desbrozan tres silvas e o resto das estradas seguen con silvas, e non é algo que diga eu, son os veciños. Eu vivo aquí e eles viven en Sarria. É necesario que vivas por aquí e pases por todos os pobos para ver as necesidades, que coñezas os pobos e á xente, e polo menos nós sabemos as necesidades que hai de primeira man”, conclúe.