A oposición fala: Olga Capón, voceira do PP de Láncara

SarriaXa
Capón valora o papel da oposición do municipio de Láncara, defendendo que "estamos ao lado dos veciños porque eu son unha veciña máis”
Olga-Capón-PP-Láncara
27 Xul 2024
Por Jessica Fernández

Olga Capón, portavoz do PP de Láncara, presentouse como cabeza de lista do partido por primeira vez nas pasadas eleccións municipais do 2023, pero leva vinculada á política desde moi pequena, xa que o seu pai, Eladio Capón, foi alcalde de Láncara durante 30 anos. “A política píllame na casa, xa que cando eu tiña 10, o meu pai entra como alcalde de Láncara, primeiro co Partido Socialista no ano 82 e, a partir do 94 e ata o 2015, polo Partido Popular”, explica.

Por estas circunstancias, Olga Capón sostén sempre estivo ao marxe da política activa ata que chegou o último período do seu pai, na lexislatura de 2011 a 2015, xa que empezou a escoitar que “sería boa idea meterse en política e a xente dicíame que valía para facer cousas”. Porén, “todo quedou aí, pero era unha posibilidade”. Por problemas persoais, Capón deixou de pensar en política durante uns anos, ata que en 2022 decidiu volver a Láncara a apoiarse na súa familia e alí é onde empeza a pensar en política “e decido apostar por unhas ideas que van comigo nestes momentos, que son as do Partido Popular. Entón afíliome e póñome a disposición do partido. Así, noméanme presidenta da xestora do PP de Láncara en outubro de 2022 e buscamos un candidato para as eleccións municipais de 2023. Con todo, preséntome en xaneiro de 2023 como candidata ás eleccións municipais polo PP e empezo a xestionar como vou organizar a lista, unha cousa moi difícil, con moitas horas de traballo, pero síntome capaz; quero facer unha acción social e quero progreso. Apostar por Láncara, non só facer un Láncara que me permita a min vivir con calidade, senón que quero que os meus veciños teñan benestar”, explica. Desta maneira, nas eleccións sae elixido Darío Piñeiro, que leva desde o 2015 sendo o alcalde de Láncara, pero Olga Capón entra co seu equipo na Corporación municipal.

O PAPEL DA OPOSICIÓN

Para Olga Capón, estar na oposición “é unha responsabilidade porque na corporación municipal se decide o benestar dos veciños e a dirección que vai tomar o Concello”. Así, sostén que respecta “totalmente a figura do alcalde e do concelleiro”. Ademais, engade que “nós temos moi claro o noso compromiso”.

Para ela, a acción da oposición é fiscalizar a acción do goberno, estar ao lado do veciño para ver que necesidades ten e impulsar aquelo “que queremos, polo que hai que coñecer o terreo, ver que carencias hai, que necesidades teñen os veciños e veciñas e fiscalizar como se xestionan os recursos”. Ademais, cre que é importante “contar coa opinión dos nosos compañeiros, estar ao lado dos veciños e veciñas de Láncara e mirar cara ao futuro e cara o progreso. Estamos aquí para axudar e para impulsar, estamos para darlles información e para facilitarlles calquera xestión. Estamos ao lado dos veciños porque eu son unha veciña máis”.

A POLÍTICA, NO PERSOAL

Olga Capón explica que formar parte da oposición do Concello de Láncara implica sacrificar tempo, “porque deixas de dedicarllo aos demais e a ti mesmo”, pero o que sacrificas a nivel persoal, “gáñalo en ilusión, porque invistes tempo nos veciños, en saber, coñecer, analizar e ter a información de primeira man do que necesitan os nosos veciños”. Tamén di que “sacrificas os teus cartos persoais porque significa comer fóra, a gasolina... e significa un traballo de análise e poñerte ao día dos plenos, da responsabilidade... Pero nós temos moi claro que somos do PP e que a administración autonómica nos pode servir para que a administración local teña crédito e presuposto; e tamén a Deputación”. Finalmente, explica que “se nós queremos facer este labor social, facémolo con ilusión e ten uns beneficios, xa que é fantástico estar ao lado dos veciños”, porén, di que “o malo é defenderse e dicirlle aos veciños que non estamos para amolar, senón para axudar”.

Así, con todo este ánimo e ilusión, a portavoz popular sostén que desde o PP queren chegar á Alcaldía: “Eu estou ao servizo do PP de Láncara e o que quero é aportar e sumar, polo que quero ser alcaldesa e formar un equipo concienciado para traballar, que dedique tempo á política. Porén, non teño unha ambición persoal de ser alcaldesa por selo, senón quero que o PP de Láncara dirixa e xestione o Concello de Láncara porque sería evolucionar. Se por beneficio do partido teño que ceder o posto de Alcaldía a un candidato de maior valía ca min, estou á súa disposición; pero agora mesmo considero que teño a capacidade, interese e ilusión necesarias para dirixir o equipo popular de Láncara”, argumenta.

O cambio de Goberno cre Capón que é necesario, xa que “actualmente temos un Goberno local que despreza á miña persoa, un rexeitamento que se veu desde o principio cando entrei na corporación, con menosprezo, ataques continuos... non só a min, senón tamén do labor do anterior alcalde e do número dous do PP e un gran compañeiro”. Como explica Capón, “os malos tratos á oposición van da man dunha mala xestión do Concello, polo que considero que o alcalde non é digno de representar este municipio. Busca a confrontación e difamar, e eu non, eu fiscalizo o labor do Goberno”, conclúe.

AS NECESIDADES

Con respecto ás necesidades do municipio lancarés, Capón explica que aquí hai “unha pésima ou nula atención ao medio ambiente, con respecto ao tema da recollida de lixo, da xestión de recursos, de dar medios e información... Estamos moi en contra de como se está levando a cabo o tema da recollida do lixo, por iso estivemos investigando o tema, xa que se acumulan os plásticos agrícolas nos puntos de recollida e pedimos en diversas ocasións nos plenos que se pedira axuda ás administracións”, sostén.

Unha das liñas do programa que levaron nas eleccións municipais os populares, e que resaltan como punto imprescindible, é o coidado do medio ambiente, “porque queremos o concello limpo e o forestal limpo”. Así, din que hai tres puntos de recollida de plásticos agrícolas e que se abren cada mes os días 15, 16 e 17 desde as 09.00 ás 14.00 horas, e “se eu son un veciño responsable, vou a eses puntos e tiro os meus plásticos, pero se eu chego e está xa a tope e non cabe nada, déixoo alí, e o Concello non fai nada. Hai unha falta de interese e preocupación do alcalde por mellorar este tema”.

Por outra banda, defenden que é necesario promover o asentamento de poboación, que “implica crear vivenda e solo industrial con compatibilidade total co noso territorio agrícola-gandeiro”. Así, explica que a porcentaxe de persoas que superan os 60 anos no rural de Láncara “é moi elevado, e sufrimos como todos os concellos o despoboamento”. Por iso, explica que “impulsar a vivenda para nós é fundamental e o Goberno municipal debe facilitar a inversión privada e que poñan todos os medios para impulsar a vivenda social. Queremos aumentar a poboación porque A Pobra de San Xiao está a 10 minutos de Sarria, a 20 de Lugo; hai unha moi boa comunicación cos concellos máis grandes. Podemos impulsar o concello”, conclúe.

Finalmente, a terceira liña que defenden os populares son os servizos de calidade, xa que “o Concello carece de todo isto e imos intentar conseguilo”. Así, di que non hai espazos habilitados para a reunión, xa sexa para que as persoas maiores queden a xogar as cartas, para a mocidade, ou para que os nenos poidan realizar diferentes actividades. “Tampouco hai espazos ao aire libre no que se poida xuntar a veciñanza e así poidamos socializar”, engade.

Con todo, pon en valor o municipio, xa que explica que “Láncara ten unha contorna paisaxística preciosa que debemos preservar e manter; as estradas que levan ao río e todas as zonas patrimoniais é unha necesidade para promover para que o Concello de Láncara se poña no mapa. É importante seguir impulsando o Concello de Láncara no sector agrogandeiro xa que é o primeiro motor económico do Concello, polo que debemos atender a eles e ás súas necesidades. Non queremos deixar atrás Láncara e queremos progreso, pero tamén queremos contar cos emprendedores do municipio”.

0.17274713516235