A Palleira acolle dúas propostas culturais con performance e obradoiro de cerámica

A Asociación Cultural Crearte organiza dúas actividades na Palleira para o próximo fin de semana. O sábado 7 de febreiro presentarase a performance de Tânia Dinis, artista e realizadora con traxectoria no cinema experimental e documental, que mestura imaxe de arquivo, memoria familiar e prácticas performativas.
Na Palleira presentará a obra "Linha de tempo" e, ao rematar, haberá un encontro coa artista acompañado de chocolate quente. Segundo explica Dinis, “esta performance parte das memorias da miña avoa Ermelinda de Jesus. Propón unha volta ao ritual familiar da visualización de imaxes, nunha reflexión sobre a cuestión da vellez na vida de cada un e na sociedade, nun diálogo entre o baleiro, a memoria e as diversas maneiras de representar a realidade”.
O domingo 8 celebrarase un obradoiro de cerámica impartido por Vero, aberto a todas as idades e pensado para que as crianzas participen acompañadas dun adulto. As prazas son limitadas e require reserva previa.