A Panorama actuará esta noite nas festas do San Xoán de Sarria
As atraccións do San Xoán de Sarria silenciaranse durante dúas horas para as persoas ás que lles moleste o ruído
As grandes festas do San Xoán de Sarria non dan tregua aos veciños da vila e proseguen durante a xornada de hoxe con varias novidades, entre as que se atopa a actuación da orquestra Panorama.
Este mediodía, para comezar, a Batucada Cadabatú protagonizará un pasarrúas ata a hora da comida e pola tarde será a Asociación Peleriños quen levará o peso do pasarrúas. Antes, durante e despois, os nenos e nenas que se acheguen ao anexo da rúa Castelao poderán seguir desfrutando das atraccións.
Como novidade, entre as 18.00 e as 20.00 horas da tarde desde hoxe e ata o mércores, silenciaranse as atraccións para converter estas festas de San Xoán nas máis inclusivas, tal e como pediu a semana pasada o portavoz do BNG en Sarria, Efrén Castro.
O representante nacionalista da vila pedía unha hora de silencio diario co obxectivo de que as persoas con trastorno do espectro autista, alteracións neurosensoriais e diversidade funcional, así como calquera persoa á que lle causen molestias os sons estridentes, puidese desfrutar das festas igualmente; pero ao final decidiuse que sería dúas horas estes últimos días de festa.
As últimas actividades deste día serán as actuacións das orquestras Panamá, ás 22.00 horas, e Panorama ás 00.00 horas; ámbalas dúas no campo de rugby do Chanto, dúas citas que se espera agrupen a moita xente.