A parroquia de San Salvador de César, punto estratéxico na defensa do municipio de Sarria
San Salvador de Cesar, parroquia e aldea española do municipio de Sarria, está formada por tres entidades de poboación: Arxevide, Cesar e Pape.
No ano 2007 tiña 79 habitantes (40 homes e 39 mulleres) distribuídos nas súas tres entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2003 cando contaba cun total de 88.
A parroquia e couto de San Salvador de César no ano 1761 dependía no tocante ao civil do Cabido da Catedral de Santiago de Compostela e no tema eclesiástico, a freguesía estaba suxeita ao Arcebispado de Compostela.
Os edificios eclesiásticos que se atopan nesta parroquia son a igrexa de San Salvador e Capela da Nosa Señora dos Remedios e se nos remontamos á Idade Media, houbo tamén un mosteiro baixo a advocación de San Paio. O edificio máis sinalado era a Casa do Pacio, propiedade do arcebispo de Santiago.
Pola parroquia transcorre o Camiño Francés de Sarria a Monforte.
A igrexa de San Salvador foi retirada do culto en 1835 e convertida en forte militar para vixiar aos bandoleiros experimentando unha curiosa metamorfose. Situada en pleno Camiño de Santiago e coroando a rúa Maior no alto da vila, atópase moi cerca dos restos da Fortaleza.
Trala morte do rei Fernando VII no ano 1833, iniciouse en toda España unha guerra civil que pasou á historia como a Primeira Guerra Carlista.
Esta guerra dirimíase entre os defensores do novo estado liberal que se abría camiño (os isabelinos) e os partidarios da volta ao Antigo Réxime (os carlistas) e as consecuencias dese levantamento militar fixéronse sentir en todo o territorio nacional pero con máis intensidade naquelas zonas como a provincia de Lugo, onde a igrexa ou a nobreza tiñan máis influencia.
Nos pobos de Galicia foron aparecendo líderes carlistas que formaron grupos armados para desestabilizar ao Goberno que actuaban como auténticos bandoleiros asaltando as casas e os pobos para roubar e matar á xente, causando o terror en toda á poboación.
Dentro do panorama de Galicia, a vila de Sarria estaba enclavada nunha rexión militarmente coñecida como “a marxe esquerda do río Miño”, sendo un punto estratéxico para a defensa da súa comarca e ao mesmo tempo, obxectivo preferente desas faccións armadas.
A falla de estruturas defensivas permanentes na localidade obrigou ás autoridades a adoptar medidas tan urxentes coma improvisadas para protexer Sarria destas accións armadas e a máis notable de todas consistiu na elección en 1835 da igrexa de San Salvador como forte militar no que instalar ás tropas de soldados e milicianos nacionais mobilizados.
Desta maneira, a pequena igrexa románica foi relevada do culto como templo relixioso e dotada de complexas obras defensivas para que constituíra o baluarte de Sarria fronte ás incursións de bandoleiros, que asolaban a comarca. De feito, existen marcas ao longo de todas as fachadas que suxiren puntos de apoio de posibles estruturas.
A igrexa de San Salvador, convertíase así no lugar idóneo debido ao seu emprazamento elevado cun atrio que permitía o aloxamento de utensilios ou ferramentas militares variados como carros, animais, caixas. Ofrecía vistas cara o sur que permitían unha vixilancia de longa distancia e boa acústica para poder oír as chamadas producidas dende os campanarios doutras igrexas, algo moi útil para a observación de bandoleiros.
A forte construción desta igrexa, a base de pedras de granito e sen ventás, favorecía a imaxe dun sólido forte militar de aspecto intimidatorio fronte aos asaltantes, pois por aquel entón non tiña a alta espadaña que presenta actualmente na súa fachada principal.
Por outra banda, a súa situación fronte ao edificio do concello (o actual xulgado) axudaba a unha fluída comunicación entre a autoridade civil e a militar, co que o punto defensivo presentábase como idóneo empregando o espazo do campo da feira como lugar para as manobras de instrución dos mozos recrutados.
Este forte militar cerraba as defensas da vila que neses anos practicamente se limitaba á rúa Maior e a unhas poucas casas, pero ao non estar dotado dunha forza militar regular, motivada e ben adestrada, tampouco ofrecía unha protección eficaz ás casas do pobo que estaban continuamente ameazadas.
A tropa existente no Forte de San Salvador durante os primeiros anos de guerra estaba formada por sinxelos cidadáns recrutados forzosamente, sen espírito militar e non ofrecía ningunha garantía fronte a unhas faccións rebeldes armadas e moi motivadas. Polo que era habitual que os mandos desta milicia afeccionada se queixara da falta de entrega e disciplina da tropa.
Pero as consecuencias da guerra para a parroquia de San Salvador de Sarria non se limitaron á conversión da súa igrexa en forte militar xa que arredor do ano 1839, dita igrexa foi restituída ao culto.
A IGREXA
O templo, de clara cronoloxía tardorrománica e eminente carácter rural, consta dunha única nave rematada nun sinxelo ábsida semicircular sen apenas alardes escultóricos, concentrándose polo tanto o seu principal interese nas dúas portadas.
A portada occidental, baixo un gardapó en resalte, desprega tres arquivoltas apuntadas que apean sobre columnas acodilladas rematadas en capiteis decorados con motivos vexetais de relevo moi plano.
Moito máis interesante pese as súas evidentes carencias técnicas e artísticas é a porta norte, cuxas arquivoltas tamén apuntadas e decoradas con puntas de diamante e pequenas perlas, enmarcan un curioso tímpano presidido por un inxenuo Cristo en Maxestade flanqueado por dous esquemáticos árbores e outras tantas cruces.
A igrexa levántase no centro de Sarria, moi próximo aos restos do castelo do Batallón ou a Torre de Sarria. Conserva características dun románico do século XIII, en transición xa con el gótico. Trátase dunha pequena igrexa parroquial dunha soa nave, na que destacan as portadas da fachada principal e do muro norte.
Na principal preséntase un arco apuntado con dúas arquivoltas que se apoian en dous pares de columnas adxuntas. Os capiteis das columnas están adornadas con motivos vexetais e zoomórficos. Por encima da porta existe un pequeno óculo. Coroa a fachada unha espadaña do ano 1860, ao igual que a fonte que se sitúa na mesma praza, coñecida como Fonte de San Salvador.
A fachada norte presenta un pórtico cun arco lixeiramente apuntado. Un par de columnas sosteñen unha arquivolta con chafrán e dentes de serra. No tímpano unha figura do Pantocrátor protexe a entrada xunto a dúas pequenas cruces de Malta.
Ao carón da igrexa, o edificio do xulgado albergou nos seus tempos o Hospital de Santo Antón (entre os séculos XVI e XIX), máis tarde sería tamén Escola de Gramática, cárcere e edificio consistorial.
Segundo un documento de restauración da mesma, existiu un mosteiro baixo a advocación de San Salvador sobre o que apenas existen testemuños, só aparece citado nos séculos XII e XIII.
OUTRAS ERMIDAS
Outro dos edificios eclesiásticos que acolle a parroquia de San Salvador de César é a Igrexa da Virxe dos Remedios.
Ademais da súa igrexa parroquial, existe unha ermida consagrada á Virxe dos Remedios que celebra unha concorrida romaría o 8 de setembro e que foi inaugurada no ano 1935. Esta igrexa foi construída por petición popular logo de que un salvaxe incendio a reducira a cinzas.
Son moitas as familias que durante as festas, acoden ao alto dos Remedios para acudir con devoción aos actos relixiosos que se celebran.
A igrexa da Virxe dos Remedios conta na actualidade cunha fermosísima imaxe esculpida polo artista Melchor Teys para substituír a que había no santuario, queimada polos salvaxes herdeiros do vandalismo en maio de 1931.
O 8 de setembro, saen de Sarria infinidade de fieis acompañando a nova imaxe da Raíña dos Anxos e facendo o percorrido ata o santuario, algúns deles a pé.
As festas dos Remedios, supoñen unha tradición moi arraigada en Sarria entre os devotos e atraen cada ano a unha gran multitude de xente ata o Alto do César, deixando a vila practicamente deserta. A tradición marca que dende moi cedo os participantes emprendan a subida a pé ata o santuario dos Remedios, no cal se depositan velas en forma de ofrenda.