A parroquia sarriá de Oural contará con vestiarios renovados no seu polideportivo

SarriaXa
O Concello de Sarria impulsa unhas obras de aforro enerxético e mellora das instalacións que deberán estar rematadas antes do 31 de outubro
Humidades-pavillón-Oural-PP-Sarria
18 Aug 2025

O Concello de Sarria anunciou un investimento de 54.545 euros para a reforma dos vestiarios do polideportivo de Oural, cun proxecto que ten como obxectivo mellorar tanto a eficiencia enerxética coma o confort dos usuarios desta instalación municipal.

As obras, que se atopan actualmente en fase de contratación, deberán estar finalizadas antes do 31 de outubro. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ao concurso público ata o día 21 deste mes.

Segundo recolle o expediente, o polideportivo de Oural é unha instalación de titularidade municipal que precisa dunha mellora debido ao paso do tempo e tamén para incrementar a súa eficiencia enerxética.

A intervención inclúe a substitución da cuberta actual de chapa galvanizada por outra de paneis tipo sandwich de 30 milímetros de espesor, con maior capacidade de illamento térmico. Ademais, selaranse e impermeabilizaranse os elementos de carpintaría existentes para evitar filtracións de humidade no interior.

O executivo municipal subliñou que esta actuación permitirá modernizar os vestiarios, incrementar a sustentabilidade do espazo e ofrecer un mellor servizo á veciñanza. Desde o Concello destacan que esta obra responde á estratexia de apostar por instalacións máis sostibles e eficientes, ao tempo que se garanten unhas condicións adecuadas para a práctica deportiva.

⚙ Configurar cookies
0.087894916534424