A Peña Celtista de Sarria celebra 30 anos de sentimento celeste cunha xornada festiva e musical

A Peña Celtista de Sarria conmemora este sábado, 7 de xuño, os seus 30 anos de historia cunha xornada chea de simbolismo, reencontros e paixón polo escudo celeste. O acto central da celebración será unha comida de irmandade nas instalacións da Sociedade Cultural La Unión, que reunirá a socios e simpatizantes nun ambiente de camaradería e lembranzas.
Ao remate do xantar, a festa continuará na sala O Buril, onde está previsto un concerto do grupo Keltoi, unha formación de referencia no panorama da música galega con inspiración celta e letras combativas, que achegará ritmo e enerxía a esta data tan especial.
Ao fronte da organización está o actual presidente da peña, Xabier López-Acevedo, quen explica que os actos conmemorativos non rematan aquí: “Temos previsto continuar coas celebracións durante o verán, e contaremos coa presenza de xogadores do RC Celta, o que supón unha grande ilusión para todos nós”.
A historia da Peña Celtista de Sarria comezou a escribirse o 9 de decembro de 1994, cando un grupo de seareiros asinou a acta fundacional no coñecido mesón A Carreta. O primeiro presidente daquela etapa foi Iván López, impulsor dun proxecto que, tres décadas despois, segue máis vivo ca nunca.
Na actualidade, a peña conta con 106 socios, e mantén unha actividade constante de apoio ao club vigués, con desprazamentos a Balaídos, quedadas para ver partidos e iniciativas solidarias que fortalecen os lazos entre celtismo e comunidade local.
A celebración deste 30 aniversario pretende ser unha homenaxe á traxectoria dun colectivo que leva tres décadas defendendo as cores celestes desde a vila de Sarria, cun espírito festivo que mestura fútbol, amizade e compromiso.