A peonalización da Ponte Ribeira en Sarria xera críticas e incerteza sobre o tráfico

A proposta da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para consolidar e poñer en valor os restos da antiga Ponte Ribeira de Sarria está a xerar preocupacións entre parte da veciñanza. A entidade recibiu tres alegacións ao proxecto, presentadas pola escultora María Carretero, o grupo municipal do PP e un veciño a título individual.
A principal crítica parte do feito de que o plan contempla a peonalización completa da ponte, sen ofrecer unha solución alternativa para o paso de vehículos. O grupo popular advirte que a eliminación do tráfico rodado neste punto estratéxico da vila pode ter consecuencias importantes para a mobilidade local. "Estamos a falar dunha zona de preto de 35 hectáreas sen outro paso para cruzar en coche, onde hai tres centros educativos, ademais de formar parte do Camiño Francés", explican desde o grupo municipal.
Entre as preocupacións expostas destaca o aumento das distancias para os desprazamentos cotiáns, a dificultade de acceso para os servizos de emerxencia e asistencia, e o posible impacto negativo no comercio da contorna. "O proxecto actual esquece que a Ponte Ribeira é, hoxe, unha vía de paso fundamental, e non se ofrece ningunha alternativa viaria", sinalan.
O PP tamén demanda que se avalíen outras opcións que compatibilicen o respecto ao patrimonio co mantemento do tránsito rodado, e reclama que se teña en conta a opinión da cidadanía. "É imprescindible abrir un proceso participativo real antes de tomar decisións que afectan o día a día de moitas persoas", insisten.
Coas alegacións xa presentadas, queda agora nas mans da CHMS a decisión de reformular ou manter sen cambios un proxecto que, ademais de recuperar un elemento histórico, podería modificar de forma importante a circulación na vila.