A Plataforma de Afectados do IBI de Sarria convocará unha reunión para falar do 'catastrazo'

SarriaXa
A Plataforma de Afectados do IBI de Sarria, promovida por Benjamín Escontrela, cren que están na mesma situación que a Plataforma Veciñal contra o Catastrazo de Salceda de Caselas, xa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou o catastrazo deste municipio e o Concello deberá devolver 1,2 millóns de euros a 5.
5 Feb 2024

A Plataforma de Afectados do IBI de Sarria, promovida por Benjamín Escontrela, cren que están na mesma situación que a Plataforma Veciñal contra o Catastrazo de Salceda de Caselas, xa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou o catastrazo deste municipio e o Concello deberá devolver 1,2 millóns de euros a 5.000 veciños.

Así, o TSXG entende como urbanos uns terreos que están cualificados como rurais e a anulación prodúcese como resposta a un dos veciños afectados, incluído na Plataforma Veciñal, unha agrupación de máis de 120 veciños que presentaron demandas no 2021 pedindo a anulación dos cambios polos que o Concello pasaba a considerar a efectos fiscais como urbanos diferentes núcleos rurais tradicionais. Isto supoñía que pasaban a pagar como terreos urbanos, pero sen ter as dotacións propias dos espazos urbanizados.

O TSXG declara que os terreos sitos en núcleos rurais tradicionais, en contornas pendentes de urbanizar, que foron computados como urbanos, para os efectos do IBI, deben seguir sendo considerados como rústicos (non urbanizables). Iso comporta que aos titulares non se lles pode esixir o pago do IBI coma se se tratase de leiras urbanas.

O caso concreto de Sarria

Desde a Plataforma de Afectados do IBI de Sarria pensan que a situación no seu caso é a mesma, xa que o catastro clasifica como urbanas todas as leiras incluídas nos núcleos rurais tradicionais, clasificadas nas Normas Subsidiarias de Sarria como non urbanizables.

Ademais, as Normas Subsidiarias de Sarria establecen que para a transformación do chan non urbanizable dos núcleos rurais tradicionais en chan urbano requirirase a aprobación dun Plan Especial de Mellora do Medio, é dicir, que non se pode edificar directamente.

“Á vista de todo iso imos realizar todas as consultas necesarias para comprobar se o catastrazo de Sarria podería ser anulado e posteriormente convocaremos unha reunión da plataforma para informarvos de todo”, explican desde a plataforma.

0.18573689460754