A Plataforma Diversa Infantil de Sarria participa nas 'Xornadas GÁLIX' sobre lectura inclusiva

A Plataforma Diversa Infantil de Sarria formará parte das 'Xornadas GÁLIX. Desfacendo a RAIA XV. A lectura inclusiva', que se desenvolven en Santiago de Compostela os días 14, 18 e 24 de marzo. Esta iniciativa busca poñer en valor a importancia da lectura como ferramenta de inclusión e diversidade.
Durante a súa participación, Diversa Infantil explicará unha das actividades que promove principalmente para centros educativos da comarca de Sarria: o contacontos do libro Pedro, o piloto de gaivotas. A través desta historia, pretenden sensibilizar sobre a diversidade funcional e a inclusión dende a primeira infancia, fomentando a comprensión e a empatia entre os máis pequenos.
A participación nestas xornadas supón unha oportunidade para dar visibilidade ao traballo que Diversa Infantil vén realizando no ámbito da educación inclusiva, así como para compartir experiencias con outras iniciativas galegas e portuguesas comprometidas cunha lectura que abrace a diversidade.
As xornadas, organizadas pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), contan con diversas actividades e mesas de debate nas que se analizarán estratexias para unha lectura máis accesible e plural.