A plataforma Mellora Sarria presenta a súa primeira proposta: recuperar o Río Sarria e O Chanto

A plataforma de participación cidadá Mellora Sarria fixo pública a súa primeira proposta, centrada na recuperación integral do Río Sarria e da contorna de O Chanto, un espazo que cualifican de “símbolo comunitario” hoxe convertido nun “lugar degradado”. A veciñanza acusa décadas de abandono institucional e pide unha intervención baseada na restauración natural e na posta en valor dun dos principais pulmóns verdes do municipio.
Segundo Mellora Sarria, o deterioro do río e das súas infraestruturas é consecuencia dun “abandono político deliberado”. O que no seu día foi anunciado como “o proxecto máis ambicioso para Sarria” leva anos deteriorado: o edificio de servizos continúa apuntalado e o río, que foi apto para o baño durante máis de corenta anos, está hoxe “practicamente inutilizable”.
A plataforma critica con dureza a tala de centos de árbores de ribeira —principalmente ameneiros— na zona do Chanto. Denuncian que esta actuación arrasou coa vexetación natural, eliminou sombra, reduciu biodiversidade e deixou desprotexida a ribeira, agravando a degradación dun espazo que consideran recuperable “coa mínima vontade política”.
Mellora Sarria tamén rexeita iniciativas que cualifican de “innecesarias”, como a instalación de piscinas con tobogáns en forma de vieira. A veciñanza, aseguran, xa expresou claramente a súa postura: “Non queremos gastar o diñeiro en tonterías e paletadas” ou “Non necesitamos tobogáns nin estruturas artificiais”. Para a plataforma, estas propostas non contribúen nin á recuperación do río nin á mellora do espazo comunitario.
Por isto, a demanda principal é investir na rehabilitación natural do río, incluíndo a creación de piscinas naturais, como existen noutros concellos galegos e portugueses. Mellora Sarria pide recuperar o río para o baño, adecuar novamente a zona de O Chanto e devolverlle ao municipio un lugar de convivencia, lecer e identidade colectiva.
A plataforma reclama un proxecto “real, útil e sostible” que respecte o patrimonio natural e social de Sarria. “Queremos recuperar o río, non disfrazalo con estruturas artificiais. Queremos un espazo limpo, vivo e comunitario”, afirman. Conclúen cunha mensaxe clara: “O río é de todos. O Chanto é de todos. E agora é o momento de recuperalos.”