A Plataforma Sarria Aire Limpo organiza unha charla informativa na Casa da Cultura

A Plataforma Sarria Aire Limpo organiza unha charla informativa o venres 14 de marzo ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Sarria para debater sobre o impacto da incineración de residuos na fábrica de Oural.
A conferencia estará a cargo de Fernando Palacios Arribas, investigador do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), quen exporá os riscos ambientais e sanitarios deste proceso.
O pasado mes de agosto anunciouse a construción dunha planta para a produción de combustible a partir de residuos na fábrica de Oural, un proxecto que, segundo a plataforma organizadora, terá graves consecuencias para os veciños e veciñas da comarca. Isto débese a que, segundo o proxecto, tamén se queimará este combustible en Oural.
A queima de residuos, incluso en forma de combustible, está directamente relacionada con importantes riscos para a saúde e o medio ambiente, xa que na súa combustión se emiten dioxinas, furanos e metais pesados, substancias altamente contaminantes que afectan o aire, a auga e a terra, incrementando o risco de cancro, enfermidades respiratorias, cardiovasculares, inmunolóxicas, reprodutivas, defectos conxénitos e problemas no embarazo.
Actualmente, Oural presenta a peor calidade do aire de Galicia en contaminación por dióxido de xofre e en concentración de metais pesados como o arsénico, o chumbo, o níquel e o cadmio.
Coa instalación da nova planta, a cantidade de residuos tratados na fábrica aumentará de 300 a máis de 160.000 toneladas, incluíndo a queima non só de pneumáticos, senón tamén de disolventes, pinturas, tóners, refino de petróleo e lodos de depuradoras industriais, entre outros máis de 90 novos residuos anunciados pola empresa.
A charla busca concienciar á poboación sobre estes riscos e mobilizar á comunidade para actuar en defensa da súa saúde e do medio ambiente.