A Pobra de San Xiao recupera a Feira da Tenreira Galega
Despois de dus anos de inestabilidade, estase a traballar na recuperación de festas e celebracións de maneira segura. Grazas aos avances acadados nos últimos tempos os concellos xa están a retomar os festexos, iso é o que está a facer a Pobra de San Xiao que o vindeiro 1 de maio celebrará a Feira de Tenreira Galega.
A Feira de Tenreira Galega é unha data xa consolidada na vila, ademais, neste ano celebra o seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia que foi concedido en febreiro de 2020 e que a pandemia impediu celebrar.
O pregón desta celebración correrá a cargo da escritora lancaresa Rocío López Núñez que ten publicadas cinco libros de novela negra.
O escenario elixido para a celebración da festa será o campo da feira da Pobra. O día 1 terá lugar a degustación de tenreira que preparará o restaurante Canedo de Lugo en diferentes formas. O alcalde, Darío Piñeiro afirmou que como mostra de apoio aos gandeiros, durante este ano a carne será de tenreira galega suprema, achegando aos veciños esta carne de gran calidade que ademais, o concello lancarés, ten gran relevancia.
O recinto ferial acollerá exemplares de rubia galega xa que tamén se retoma o concurso. Desta forma, haberá un sorteo dunha becerra entre todas as persoas empadroadas en Láncara e outro sorteo entre aquelas persoas que coman na carpa.
A gran celebración será o vindeiro 1 de maio aínda que os actos darán comezo o venres 29 de abril con pratos elaborados a base desta carne e animación musical.
Por outra banda, o 30 de abril a festa estará dedicada aos maiores e terá lugar nas mesmas carpas. Os xubilados do concello poderán desfrutar desta carne de maneira gratuíta. O 30 de abril tamén foi a data elixida para homenaxear ao persoal do centro de saúde e sociosanitario do municipio, que realizaron un traballo fundamental durante os últimos tempos debido á covid.
O sábado 30 tamén está organizado o dobre torneo benéfico de tute e parchís que ten como obxectivo recadar fondos para a Asociación Objetivo Diagnóstico.