A política segue viva en Sarria tras un pleno marcado polo Plan Económico-Financeiro

A política municipal en Sarria continúa viva e chea de tensión tras o pleno celebrado este mércores, no que se aprobou o Plan Económico-Financeiro impulsado polo goberno de Camiña Sarria.
A sesión, que evidenciou a distancia entre os grupos, deixou ás claras dúas posicións moi distintas: mentres o PSOE denunciou un “pacto encuberto” entre o executivo local e o PP, os populares defenderon a súa “abstención crítica” como un exercicio de responsabilidade para evitar o colapso financeiro do Concello.
O PSOE de Sarria acusou publicamente a Camiña Sarria e ao Partido Popular de pactar en segredo para sacar adiante o plan, que permitirá, segundo advertiron, unha suba do IBI e do imposto de vehículos, afectando directamente ás economías domésticas das familias do municipio. Os socialistas sosteñen que esta manobra “certifica un acordo político oculto que nace para soster un goberno esgotado e para facerlle pagar á cidadanía os erros e incumprimentos do señor Garrido”.
Durante a sesión, o voceiro socialista Benjamín Escontrela foi contundente: “Reclamei a dimisión do alcalde pola súa nefasta xestión, que propón un atraco a man armada aos veciños e veciñas de Sarria. Nós votamos non a este plan porque é un abuso”. Para o PSOE, o Plan Económico-Financeiro é consecuencia “dunha xestión deficiente, da improvisación e da falta de previsión”, e advirten de que abre a porta a novos recortes, máis taxas e un risco real de intervención.
Pola súa banda, o Partido Popular defendeu que a aprobación do plan era unha cuestión de obrigado cumprimento para evitar a intervención do Concello por parte do Ministerio de Facenda, o que podería provocar, segundo explicaron, “unha especie de corralito municipal” con parálise de pagos, risco na continuidade de servizos e perda de financiamento. “Non compartimos o plan do goberno municipal, nin fomos parte da xestión que levou o Concello a esta situación, pero non estaremos de brazos cruzados ante o risco de colapso”, sinalaron os populares.
O PP insistiu en que a súa “abstención crítica” foi a única garantía de que Sarria siga funcionando e lamentou que “a política real e útil non remata na crítica, senón que comeza despois dela, poñéndose ao servizo do interese xeral”. O grupo asegurou non apoiar medidas “inasumibles” como “a suba radical da taxa do lixo ou o peche do matadoiro”, pero reivindicou o seu papel de “rigor, xestión e colaboración institucional” para que o municipio poida seguir avanzando “a pesar da situación económica”.
O pleno deixa así un novo episodio de confrontación política, pero tamén a constatación de que en Sarria, a política segue viva e con pulsos abertos entre as forzas que buscan definir o rumbo económico e institucional do municipio.