A poxa máis exitosa de Acruga tivo lugar en Sarria
O recinto gandeiro de Sarria acolleu a poxa máis exitosa de cantas leva celebradas a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, no que vai de ano. As altas cotizacións que lograron os tres exemplares presentados á poxa lanzaron un novo récord, no que a prezo medio refírese, ata alcanzar os 2.833 euros. Neste sentido, o presidente de Acruga, César Dorado, explicou que "a boa calidade dos animais da Granja Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, nesta poxa uniuse o excelente tirón da feira de San Isidro de Sarria, e unhas moi boas instalacións, polo que estamos moi agradecidos ao Concello de Sarria. Estamos moi satisfeitos porque a dinámica das poxas cada vez é mellor".
A venda das tres xatas de 25 e 26 meses de idade, e preñadas de 5 e 6 meses, lograron un récord en canto ao prezo medio, que se situou nos 2.833 euros. A primeira, adxudicouse en 2.850 euros, un moi bo prezo, aínda que non iguala os máis de 3.000 que se lembran nalgunha poxa de Adai. Con todo, a venda dos dous seguintes exemplares, en 2.800 e en 2.850 euros, lanzou ese prezo medio tan elevado. Dáse a circunstancia de que tanto a primeira das poxadas, como as dúas seguintes, irán parar a dous explotacións de Láncara, un dos concellos lucenses nos que hai unha maior presenza de rubia galega.
César Dorado sinalou ademais que "estar presente nunha feira como o San Isidro, coa exhibición duns 40 exemplares de Raza Rubia Galega tamén serve para dar promoción á raza, que é outro dos nosos obxectivos, polo que agradecemos ao alcalde de Sarria a súa petición para realizar a poxa e estar presentes na exhibición de razas. Ademais, contamos coa presenza da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, o que tamén supón un apoio aos gandeiros e gandeiras que integramos esta asociación".