A Praza da Vila de Sarria acolle unha exposición sobre os 50 anos da Casa Museo de Rosalía
A mostra A Casa de Galicia: 50 anos da Casa de Rosalía, conmemora o medio século da apertura como museo da casa de Rosalía de Castro. Pódese visitar dende o día de hoxe e ata o próximo día 5 de setembro.
Esta exposición, promovida pola Fundación Rosalía de Castro, chega a Sarria da man da vicepresidencia da Deputación, en colaboración coa asociación cultural Sarricanta e o concello.
A exposición plasma a historia da compra, restauración e posterior musealización do lugar no que a escritora pasou os derradeiros anos da súa vida. É unha exposición itinerante que circula polas distintas comarcas e reproduce as diferentes estancias da vivenda, cuxo obxectivo principal é o de poñer en valor a obra de Rosalía de Castro.
A CASA
A casa na que Rosalía de Castro viviu os seus derradeiros, restaurouse en 1971 e converteuse na casa museo en 1972.
Neste espazo proponse un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. Na planta baixa, o visitante pode apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, o entorno que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora. E na primeira planta, denominada “O seu”, proponse unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga.
Dende a súa inauguración, a Casa de Rosalía coa horta e as instalacións complementarias, converteuse nun epicentro cultural de Galicia.
A MOSTRA
Os obxectivos que se definiron á hora de facer a renovación das instalacións poden condensarse en tres retos: quen precise información debe achar a esencial, quen coñeza a historia debe poder evocar o mito e a persoa que entre con curiosidade ha saír conmovida.
Grazas a esta renovada museoloxía, dirixida por Pepe Barro, enténdese de forma máis efectiva a importancia de Rosalía como referente, como figura central da cultura galega e como eixo dunha familia que funcionou como unha auténtica factoría cultural ao servizo do Rexurdimento galego.
A de Rosalía non é o caso de tantas casas museo que se amosan tal coma os seus moradores as deixaron. Hoxe en día a casa conta, co soporte da tecnoloxía, a historia de Rosalía, da súa familia e das súas obras por medio da combinación de mobles, obxectos artísticos, documentos e pezas senlleiras.