A Praza de Abastos de Sarria converterase no Museo Paixón Motor Slot despois de aprobarse en pleno

O pleno municipal de marzo do Concello de Sarria aprobou a cesión gratuíta de uso das instalacións da Praza de Abastos para o desenvolvemento do Proxecto do Museo Paixón Motor Slot, un museo dedicado á historia do automóbil de competición a través de miniaturas eléctricas tipo slot cars, promovido por Julio Páramo.
A proposta xerou un intenso debate no pleno, xa que tanto o PP como o PSOE solicitaron que se deixase o asunto sobre a mesa por falta de información sobre o proxecto. Ambos partidos votaron en contra da cesión, mentres que Camiña Sarria e BNG votaron a favor, o que permitiu a súa aprobación.
Pola súa parte, Julio Páramo valora positivamente que se aprobara a cesión das instalacións para poder levar a cabo unha iniciativa pola que leva loitando anos. "Creo que o conxunto da conversa no pleno aportou cousas interesantes e valoro o voto a favor de Camiña Sarria e do BNG, así como entendo que tanto PP como PSOE quixeran alongar o tempo para poder estudar o proxecto". Así, destacou que o PP "utilizou o argumento de que a cesión é precaria e hai que ver a viabilidade do proxecto, mentres que o PSOE incidiu no tema dos prezos, cando hai moitos museos públicos que cobran entrada, así como comparou o proxecto con outras exposicións, o que a min me pareceu unha maneira de degradalo, a pesar de que no seu día veu á exposición piloto a apoiala", lamenta.
MÁIS ASUNTOS
Por outra banda, a corporación municipal aprobou por unanimidade adherirse ao convenio asinado entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte á avespa velutina no ano 2025.
O pleno aprobou ademais a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por postos, barracas, casetas, espectáculos ou atraccións situadas en terreos de uso público e industrias ambulantes. O PP abstívose na votación ao considerar que, a pesar de valorar a baixada da taxa, a negociación cos pulpeiros non estaba completamente pechada.
Tamén se aprobou a creación dunha ordenanza reguladora do prezo público pola venda de produtos, artigos e publicacións municipais, así como pola prestación de servizos turísticos do Concello de Sarria. O goberno local xustificou a medida argumentando que en eventos como o San Xoán se elaboran camisetas e non se poden regalar a todo o mundo debido ao seu elevado custo, polo que esta ordenanza permitirá sufragar os gastos.
Outro dos puntos aprobados foi a creación dunha ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de conciliación da vida familiar e laboral. Segundo os grupos de Camiña Sarria, BNG e PSOE, o servizo "Sarria Concilia" non está suficientemente financiado, o que atribún á Xunta. Pola súa banda, o PP culpou ao goberno local e abstívose na votación. Finalmente, os demais grupos votaron a favor da proposta.
Ademais, aprobouse a solicitude de bonificación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para a Área de Rehabilitación Integral do municipio.
O PP presentou dúzas mocións, pero ambas foron rexeitadas no pleno. A primeira propoñía instar á Deputación de Lugo a revisar determinadas liquidacións do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) do exercicio de 2019. A segunda demandaba ao Goberno central medidas ante a falta de médicos, pero todos os grupos votaron en contra, responsabilizando directamente á Xunta da situación sanitaria que se vive nas localidades galegas.