A primavera deste ano foi a terceira máis húmida da serie histórica en Galicia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
En canto ás temperaturas, o período foi cálido ao rexistrar unha temperatura media de 12,9 graos, e 5 décimas superior á media
chuvia-paraugas
Paraugas
7 Jun 2024

A primavera climatolóxica de 2024, que corresponde aos meses de marzo, abril e maio, en Galicia foi a terceira máis húmida da serie histórica -que se remonta a 1961- ao rexistrarse unha precipitación media de 511 l/m2. Ademais, no que atinxe ás temperaturas, foi un período cálido cun valor medio de 12,9 graos.

Deste xeito, segundo o avance do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, a precipitación media rexistrada entre as 16 estacións máis representativas foi un 67 % superior ao que vén sendo habitual neste período, debido especialmente ás abondosas choivas de marzo e maio, que fan que estes dous meses se consideren moi húmidos.

Así, en marzo as choivas foron frecuentes, persistentes e cuantiosas tanto nos primeiros 10 días como na derradeira semana, alcanzando unha media un 148 % superior ao habitual. En maio a anomalía media foi un 78 % superior ao habitual, o que o converte no quinto máis húmido desde que hai rexistros. En canto a abril, considérase normal, cunha anomalía media un 8 % inferior ao valor climatolóxico habitual.

Por outra banda, no que atinxe ás temperaturas, a primavera foi cálida ao rexistrar unha temperatura media de 12,9 graos e unha anomalía media de 5 décimas máis que a media, segundo os datos rexistrados en 11 das estacións meteorolóxicas máis representativas.

Neste eido, o mes de abril foi moi cálido ao rexistrar 13,8 graos de media -1,9 graos máis do habitual-. Pola contra, marzo e maio foron lixeiramente fríos, con medias de 10,6 e 14,2 graos, respectivamente. Nestes dous meses a anomalía media foi dúas décimas inferior ao normal.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14600801467896