A primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta do Incio será este sábado

SarriaXa
O evento contará cun pregón a cargo da escritora local Marica Campo, quen foi elixida para esta primeira edición polo seu papel como referente cultural do medio rural galego
Festa-do-Cocido-Gourmet-O-Incio
14 Mar 2025

O Concello do Incio celebrará a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta este sábado, 15 de marzo, un evento gastronómico que busca revalorizar este produto autóctono e convertelo nun atractivo turístico tanto a nivel comarcal como en toda Galicia.

A comida terá lugar no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba, a partir das 14.00 horas, e contará cun pregón a cargo da escritora local Marica Campo, quen foi elixida para esta primeira edición polo seu papel como referente cultural do medio rural galego.

Antes do xantar, os asistentes poderán gozar dunha cata de viños a cargo de Adegas Guímaro, coa participación especial de Terra Brava como adega convidada. Ademais do cocido, o menú incluirá sobremesa e queimada, mantendo as tradicións culinarias galegas.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, subliñou a importancia deste evento para poñer en valor o porco celta, unha especie que conta coa maior explotación no municipio. Ademais, destacou que a intención é consolidar esta cita no calendario gastronómico galego, fomentando a súa continuidade e ampliando a súa repercusión cada ano.

Sobre a figura da pregoeira, o rexedor destacou as súa fondas raíces locais, a súa traxectoria persoal e a súa contribución á cultura galega, cualificándoa como "unha das maiores e mellores expoñentes da cultura do noso país".

⚙ Configurar cookies
0.53368806838989