A primeira exposición da Trienal Sarria Triennial será inaugurada o 18 de outubro
A Asociación Cultural Huhú de Sarria, organizadora do programa Trienal Sarria Triennial (TST1), inaugurará a sua primeira exposición central o día 18 de outubro no local A Sede.
Trienal Sarria Triennial é un programa experimental de arte contemporánea xerado dende un contexto improbable no que se utilizan ferramentas que ofrecen as diferentes disciplinas creativas para fomentar o pensamento crítico e difundir manifestacións culturais significativas.
A primeira edición de TST1 titúlase ‘Arquipélago interior’, unha imaxe que aporta o marco discursivo que articula o programa público a desenvolver durante os anos 2024, 2025 e 2026, período no que se realizarán cinco bloques expositivos principais.
Cada un dos bloques desprega unha exposición central na que cinco artistas ou colectivos presentarán obras e proxectos sensibles ao contexto, relacionados coa temática xeral do programa e as súas imprevistas relacións.
Os artistas e comisarios que participan nas cinco mostras son profesionais con diversos grados de relación co territorio transnacional de Galicia, Portugal e resto do noroeste peninsular, convidados a participar en TST1.
A través das súas propostas, desde o colectivo invitan a reflexionar sobre "as múltiples aproximacións á ruralidade que eclosionan no momento presente, sobre como os movementos migratorios de ida e volta conforman historicamente a perspectiva humana deste contexto, e sobre aqueles modos de produción de experiencia e sentido que podemos explorar colectivamente".