A primeira fase da autovía de Sarria abre hoxe na súa totalidade
Hoxe mércores 23 de novembro quedará aberto ó tráfico un novo treito da autovía de Sarria, o tramo comprendido entre os enlaces de Sarria-norte (Betote) e A Pobra de San Xiao - O Páramo, en sentido Lugo. Este é o único tramo que aínda non estaba operativo xa que polo resto xa se podía circular dende hai un mes.
Nesta última fase, os traballos centráronse na capa de rodaxe na calzada de desdobramento, así como os correspondentes á disposición de sinalización horizontal e acabados, co obxectivo de rematar as obras o antes posible.
A Xunta está a destinar un orzamento de 25 millóns de euros nesta intervención que supón a adaptación dos tres enlaces do treito: A Pobra, Sarria norte e Sarria centro, e a ampliación dos seis pasos inferiores; así como a instalación dun valado reforzado para evitar o acceso de fauna salvaxe.
Progresos na segunda fase da autovía
O departamento de Infraestruturas da Xunta, de xeito paralelo, segue progresando na segunda fase da autovía, trala adxudicación da redacción do proxecto construtivo que completará o desdobramento da infraestrutura ata Lugo.
Esta segunda fase da autovía abrangue 13,5 quilómetros, entre A Pobra de San Xiao e a conexión coa A-6 en Nadela.
Este traballo, adxudicado por case 270.000 euros, ponse en marcha para poder dispoñer xa a mediados de 2023 dun proxecto de trazado para someter a información pública.
O Goberno galego leva investido máis de 135 millóns de euros na construción, nos peores anos da crise económica, da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, rematada no ano 2015, e agora continúa co seu desdobramento.