A primeira fin de semana de maio, Sarria acollerá a feira de turismo Expocidades

SarriaXa
O evento celebrarase na Praza da Vila durante esa fin de semana e estará acompañado de múltiples actividades culturais e de lecer
Expocidades-2022
5 Feb 2025

A primeira fin de semana de maio, a vila de Sarria converterase no epicentro de diversas actividades que atraerán a milleiros de persoas dispostas a gozar dunha ampla variedade de propostas.

Os días 2, 3 e 4 de maio terán lugar o III Rally de Regularidade Vila de Sarria, a Pretorian Race Sarria Extreme, a XXVIII Feira de Antigüidades e Restauración de San Láncara de Sarria e a oitava edición de Expocidades, a gran feira de turismo de proximidade do Eixo Atlántico, que contará coa presenza confirmada de 26 localidades de Galicia e do norte de Portugal.

O evento celebrarase na Praza da Vila durante esa fin de semana e estará acompañado de múltiples actividades culturais e de lecer que están en fase de organización. O obxectivo é que Sarria se converta nun gran escaparate do turismo actual, cunha programación que incluirá desde concertos ata obradoiros, catas de viños e visitas guiadas pola vila.

O Eixo Atlántico será o encargado de xestionar a infraestrutura do evento, mentres que o Concello de Sarria asumirá a coordinación das propostas culturais e de ocio.

Nesta edición, Expocidades contará coa participación de representantes de Betanzos, Braga, Bragança, Culleredo, Deputación de Lugo, Fafe, Felgueiras, Foro Termal do Eixo Atlántico, Guimarães, Maia, Matosinhos, Monforte de Lemos, Narón, O Barco de Valdeorras, Póvoa de Varzim, Ribeira, Santa Maria da Feira, Turismo Porto e Norte de Portugal, Valongo, Viana do Castelo, Vila do Conde, Vila Nova de Famalicão, Vila Nova de Gaia, Vila Real e Vilalba, ademais da localidade anfitrioa.

Con esta programación variada, Sarria reafírmase como un punto de referencia no turismo de proximidade e na organización de eventos que dinamizan a súa economía e vida social.

0.16317796707153