A provincia contará este ano con 16 obradoiros duais en 46 concellos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Consellería de Promoción do Emprego destina 8,2 millóns de euros a financiar 16 novos obradoiros duais de emprego en 46 concellos.
260322 Obradoiro O Courel
29 Xul 2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 8,2 millóns de euros a financiar 16 novos obradoiros duais de emprego que se levarán a cabo en 46 municipios da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informou da resolución da orde de axudas deste ano – que vén de aprobar o Consello da Xunta - e salientou como unha das principais novidades a ampliación do período de duración, que pasa de nove a doce meses.

Explicou que grazas á posta en marcha destes programas, 320 persoas desempregadas -20 por taller - accederán a un contrato de traballo e recibirán formación teórica e práctica en áreas con boas perspectivas de inserción laboral. A maiores hai que engadir as prazas que se creen para postos de dirección, administración e monitores.

Ademais de formarse e realizar un traballo, os alumnos recibirán un certificado de profesionalidade con validez en toda España. Así mesmo, ao finalizar a experiencia poden empregarse nunha empresa da zona por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para iso, o financiamento da Xunta inclúe incentivos dos que se beneficiaron na provincia de Lugo oito entidades promotoras para fomentar 124 contratos.

Os obradoiros duais son desenvolvidos polos concellos e teñen unha tripla dimensión: proporcionar formación de calidade ás persoas participantes para que obteñan un posto de traballo, acometer obras e servizos de interese público e incrementar as taxas de inserción laboral a nivel local.

Reparto na provincia

En canto ao reparto dos obradoiros aprobados na provincia, a Mariña terá cinco cun investimento de 2,5 millóns de euros: Serra da Cadeira VII, impulsado por Lourenzá con Barreiros e Trabada; Terras do Sor VI, promovido por Muras con Ourol e O Vicedo; Terras do Ouro 2022, que agrupa a Foz, Alfoz e O Valadouro; Sendas de Burela, Cervo e Xove IX e Vilas Coidadoras, que comparten Ribadeo e Barreiros.

Na Zona Sur funcionarán catro programas que suman algo máis de 2 M€: Serra do Faro VII, organizado por Chantada e Carballedo; Ricra VI, que impulsa Pantón con O Saviñao e Sober; o obradoiro da Pobra do Brollón, Bóveda e O Incio e Sillor IX, do que forman parte Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga.

Na Terra Chá e Meira a Xunta financiará con 2 M€ as seguintes actividades: Camiño da Chaira VII, impulsada por Cospeito, Outeiro de Rei e Castro de Rei; Terra Chá no Camiño III, en Vilaba e Abadín; O Castro VIII, que agrupa a Ribeira de Piquín, Castroverde, Pol, A Pastoriza e Riotorto; e Cumes da Terra Chá VI, en Begonte, Rábade e Friol.

Na cidade de Lugo o Goberno galego destina 525.000 euros á iniciativa Lugosostible 5.0; en Monterroso, Palas de Rei e Portomarín aprobou o taller Camiño de Santiago III e, por último, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Navia de Suarna e Triacastela desenvolverán conxuntamente a actividade Comarca de Ancares V.

Selección dos participantes e ampliación de crédito

Na selección de participantes, que se levará a cabo a partir de agora, darase prioridade ás persoas con especiais dificultades de inserción no mercado laboral como mulleres, emigrantes retornados, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas en risco de exclusión social.

Como en anteriores edicións, a Xunta priorizou os programas de formación forestal; posta en valor do Camiño de Santiago; actuacións enmarcadas en proxectos de Aldeas Modelo e os programas promovidos por concellos con todo ou parte do seu termo municipal incluído en zonas de Reserva da Biosfera. Tamén proxectos relacionados coas TIC e coas principais actividades económicas de cada contorna, en consonancia coas conclusións da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego e do Estudo de Novas Tecnoloxías Emerxentes en sectores estratéxicos.

Ademais, a Administración autonómica está a tramitar na actualidade unha partida adicional de 10 millóns de euros para que se poidan levar a cabo máis obradoiros en toda Galicia.

0.1486279964447