A provincia de Lugo conta con 5 novos másteres e 14 ciclos duais

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A oferta de Formación Profesional na provincia de Lugo queda reforzada con cinco novos másteres e 14 proxectos na modalidade dual.
ciclos formativos educacion
19 Jul 2021

A oferta de Formación Profesional na provincia de Lugo queda reforzada con cinco novos másteres e 14 proxectos na modalidade dual que comezarán a impartirse no curso 2021-2022.

Lugo contará con cinco másteres e convértese na segunda cidade galega con maior oferta desta nova formación -só superada por Vigo, con seis-. En concreto, vanse impartir no CIFP As Mercedes os de Mantemento de vehículos híbridos e eléctricos e Dixitalización do mantemento industrial; no CIFP Politécnico, os de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación e Fabricación aditiva; e no IES Muralla Romana o de Desenvolvemento de videoxogos e realidade virtual.

Así mesmo, a Consellería implantará unha formación experimental no CIFP Porta da Auga de Ribadeo sobre a construción e mantemento de embarcacións de fibra, deportivas e de recreo, en virtude dun convenio cunha empresa da contorna.

Na FP dual darán comezo 14 proxectos en sete institutos da provincia. O IES de Foz, o CIFP As Mercedes e o Politécnico -ambos en Lugo- ofertan tres ciclos cada un; o IES A Pinguela de Monforte de Lemos dous, e inician unha nova proposta o IES Val do Asma de Chantada, o IES San Rosendo de Mondoñedo e o CFEA Pedro Murias de Ribadeo.

Por último, nos réximes ordinario e modular para persoas adultas –presencial e a distancia– incorpóranse seis novos ciclos que suman 136 prazas na provincia. Como é habitual a oferta de FP flutúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e ás características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. No novo mapa desaparecen ou modifícanse algúns ciclos, se ben a oferta permanece en datos moi similares. En total, a Consellería ofrece en Lugo nos réximes ordinario e modular 4.220 prazas en primeiro curso, en 165 ciclos e programas formativos autorizados.

A modificación da oferta nace dun proceso de diálogo coa comunidade educativa, no que as peticións foron analizadas pola Inspección educativa dos centros, tendo en conta a oferta global de Galicia en cada ciclo, a demanda do alumnado, a inserción de cada ciclo e as necesidades do tecido produtivo.

A matriculación da primeira adxudicación de prazas comezará o 20 de xullo ás 9 h., ata o 26 de xullo ás 13 h. A continuación, unha vez se comproben as prazas que quedaron vacantes, procederase á segunda adxudicación de prazas, cuxo período de matrícula irá do 28 de xullo ás 9 h. ao 30 de xullo ás 13 h.

Tamén nos másteres de FP o prazo de matriculación é do 20 de xullo ás 9 h. ao 26 de xullo ás 13 h.

Canto á FP Dual, as persoas finalmente seleccionadas poderán matricularse ata o 23 de xullo ás 13 h.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15905380249023