A provincia de Lugo protagonizará a 15ª etapa de ‘La Vuelta 2025’
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou este xoves que a cidade de Monforte de Lemos volverá a ser protagonista na 15ª etapa de La Vuelta 2025 o 7 de setembro, cun percorrido de 167 quilómetros e cualificado como de montaña. Fíxoo na presentación oficial da 90ª edición da proba, celebrada esta tarde en Madrid, onde puxo en valor que a competición volve a discorrer pola provincia grazas ás xestións da institución provincial a través dun contrato de patrocinio coa entidade organizadora, Unipublic.
A capital da Ribeira Sacra será o punto de chegada da etapa, que pasará tamén pola Montaña lucense e a comarca de Sarria. Cun percorrido similar ao do ano 2021, que tamén finalizou en Monforte de Lemos e que cualificou como “longa e dura, das que se denominan rompe pernas, polas continuas subidas e baixadas, que sen dúbida van poñer a proba as forzas dos corredores”.
“Sabemos que o retorno económico e en termos de promoción para a provincia é enorme e por iso levamos anos apostando por esta proba. Porque ademais dun escaparate importantísimo, mobiliza unha organización de 3.000 persoas”, apuntou o Presidente, quen valorou que a aposta da Deputación permitiu que en tan só catro anos, a provincia de Lugo fora escenario de tres etapas desta cita ciclista e o que iso supón polas retransmisións en directo seguidas por millóns de persoas.
Nese sentido recordou que o ano 2021, Monforte de Lemos foi tamén final de etapa na xornada 19 que partiu de Tapia, atravesando 12 concellos da provincia nun percorrido de 139 quilómetros por territorio lucense; e que este ano 2024 unha das etapas partiu de Lugo, “cunha excelente acollida na capital da provincia”, para rematar en Ancares. O ano pasado foi a etapa 13 a que discorreu por Lugo, O Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes.
Na gala desveláronse as localidades e as datas polas que transitarán as diferentes etapas da proba no 2025, que arrancará o 23 de agosto en Italia e rematará en Madrid o 14 de setembro. “O obxectivo que motivou á Deputación para volver a colaborar coa organización de La Vuelta para o seu paso pola provincia forma parte da nosa estratexia para impulsar o desenvolvemento social e económico, neste caso coa promoción do territorio a través do turismo”.
Unha proxección internacional “incalculable”
Tomé lembrou que 'La Vuelta' sitúase na elite do ciclismo mundial e nela traballan preto de 1.000 xornalistas de máis de 270 medios. En España, a retransmisión de RTVE conta con máis de 1 millón de telespectadores que se suman aos millóns de persoas que seguen o evento polas redes sociais. Só os vídeos das canles oficiais de La Vuelta contan con 277 millóns de visualizacións.
Por iso, explica, "é unha das mellores formas de levar ao plano internacional a nosa oferta turística, e a nosa aposta por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente, tal e como demanda a sociedade”.
Ademais do retorno que xera a medio prazo en proxección e visitas, La Vuelta mobiliza a unhas 3.000 persoas, “o que contribúe, de xeito directo, a incrementar a actividade na hostalería, no turismo e no comercio local”.
La Vuelta en datos
La Vuelta Ciclista a España é seguida anualmente en 190 países, que chegan a unha audiencia real de 400 millóns de espectadores. A meirande parte dos seguidores están localizados en países de Europa, como Francia, Bélxica, Italia ou Noruega, entre outros, pero tamén están presentes en todo o arco americano, cunha grande audiencia en Colombia, e en Asia, con presencia en países como Xapón.