A RAG convoca unha nova edición do concurso de microrrelatos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O prazo para participar na nova edición permanecerá aberto do 1 ao 29 de febreiro de 2024 a través do sitio web relatos.
consulta microrelatos rag
28 Jan 2024

O prazo para participar na nova edición permanecerá aberto do 1 ao 29 de febreiro de 2024 a través do sitio web relatos.gal.

A Real Academia Galega e PuntoGal presentaron na Fundación Luis Seoane a sétima edición do concurso de microrrelatos organizado por ambas as entidades. O concurso premiará nove historias dun máximo de 200 palabras, tres por cada unha das categorías: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e persoas adultas. O prazo para participar nesta iniciativa permanecerá aberto do 1 ao 29 de febreiro, cadrando coa campaña de promoción de PuntoGal que permitirá rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. Os relatos deberán presentarse a través da web relatos.gal, onde poden consultarse xa as bases e demais detalles da convocatoria.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e Lois Alcayde, coordinador da revista Luzes, presentaron en rolda de prensa a nova edición, que como cada ano repartirá premios tecnolóxicos e relacionados coa lectura. Víctor F. Freixanes formará parte do xurado de relatos de persoas adultas canda o presidente de PuntoGal, o tamén académico Manuel González, a académica correspondente Olga Castro, Darío Janeiro e a escritora Antía Yáñez. Os contos das modalidades infantil e xuvenil serán lidos polo dramaturgo e académico de número Euloxio R. Ruibal; a académica correspondente Montse Pena Presas, profesora de Didáctica da literatura da USC; Concha Losada, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e membro da directiva de PuntoGal; Cristina Ríos, membro do equipo técnico de PuntoGal; e Lois Alcayde Dans.

Dende a súa creación en 2018 co propósito de contribuír a reforzar a presenza do galego e da identidade propia na Rede, o concurso premiou medio cento de historias entre as preto de 5.000 presentadas. “Cada ano non deixa de abraiarnos a capacidade de xente tan diversa, en idades e experiencias, para transmitir tanto con tan poucas palabras. Un feixe de liñas abondan para profundar, dende a ollada de noso, nos grandes temas universais da literatura e a vida, para sorprender, para nos arrincar un sorriso, para provocar desacougo”, salienta o presidente da Real Academia Galega. “Coido que podemos asegurar que esta é xa unha iniciativa consolidada que está a permitir visibilizar novas voces das nosas letras e que anima a moitas outras a aproveitar, dende a infancia, todo o potencial de expresión e enriquecemento persoal que ten a escrita”, engade.

Na mesma liña, Darío Janeiro, refírese á esta iniciativa como un espello no que se reflicten as preocupación tanto das persoas adultas coma dos escritores e escritoras máis novos. “E aínda que é moi clara, non podemos deixar de apreciar a diversidade das experiencias vitais e das inspiracións literarias que se poden ver nos centos de relatos presentados. Agardamos que as achegas deste ano sexan igual de ricas e variadas que en convocatorias pasadas”, abonda o director xeral.

A sétima edición do concurso, de cuxo deseño gráfico se encargou a debuxante e tatuadora Greta Debelius, coincide coa nova campaña de PuntoGal, “unha das máis atractivas do ano”, valora Darío Janeiro. Os rexistradores acollidos á promoción, que ofrece vinte e catro meses de rexistro por un máximo de 15 euros máis IVE, son Dinahosting, Openprovider, Don Dominio e INWX. As condicións poden consultarse en dominio.gal/promocions/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras.

Parte dos galardóns inclúen ademais un dominio .gal durante un ano e todas as persoas premiadas verán publicadas as súas historias na Rede, así como editadas na versión impresa de Luzes xunto ás finalistas. “A revista volve reafirmar, deste xeito, o seu compromiso como medio de comunicación coa expresión e a escrita en lingua galega. É unha característica fundamental de Luzes poñer en valor o noso idioma nun dos eidos onde máis relevancia ten para a súa viveza no futuro: a mocidade e a infancia, con categorías de seu”, concluíu Lois Alcayde Dans.

0.13530397415161