A RAG estrea un documental de seis episodios sobre a vida de Xela Arias

SarriaXa
Ademais desta serie, que estreará un novo episodio cada martes, tamén se emitirán as micropezas ‘Xela Arias. Onde canta a poeta’.
xela arias documental rag 2
6 Abr 2021

A Real Academia Galega (RAG) vén de presentar a serie documental 'Xela Arias. A palabra esgazada', que abordará a vida persoal e a traxectoria profesional da escritora ao longo de seis episodios.

O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, subliñou durante a presentación a importancia de utilizar as tecnoloxías para "achegarse ás novas xeracións" e á figura de Xela Arias, poeta que será homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

A serie documental está guionizada pola xornalista lucense María Yáñez, quen cualificou á autora como "rompedora" e influente para moita xente que "conectou con ela a través da súa obra".

O primeiro episodio da serie desenvólvese en Sarria, Lugo e Vigo e conta a infancia e adolescencia de Xela Arias. Xa está dispoñible na web da RAG —academia.gal— e nas súas redes sociais.

Ademais desta serie, que estreará un novo episodio cada martes, tamén se emitirán as micropezas 'Xela Arias. Onde canta a poeta'. Haberá unha nova cada día, de mércores a luns, ata o 16 de maio, véspera das Letras Galegas.

O fillo de Xela Arias, Darío Gil, agradeceu á Real Academia Galega e ás editoriais o esforzo que están a facer para que a homenaxe "non desluza nun ano tan complicado".

xela arias documental rag
0.19786405563354