A RAG presenta un portal dedicado a Xela Arias
A Real Academia Galega (RAG) vén de presentar a Primavera das Letras da poeta sarriana Xela Arias, á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Trátase dun portal con recursos lúdicos e didácticos para achegar aos máis novos a obra desta autora que, segundo o presidente da RAG, Víctor Freixanes, representa "un vento novo" pola súa aposta por "unha lingua e cultura que miran cara ao futuro e as novas xeracións".
A presentación tivo lugar este martes no CEIP de Sárdoma-Moledo, en Vigo, onde a galardoada estudou durante sete anos xunto aos seus catro irmáns, e o centro no que o seu pai exerceu o ensino durante 25 anos.
Víctor Freixanes lembrou que cando a figura da escritora, editora e traductora Xela Arias, a quen el mesmo coñeceu, foi proposta para ser recoñecida no Día das Letras Galegas de 2021, "non houbo discusión".
ACTOS CONMEMORATIVOS
No marco da Primavera das Letras está previsto que se celebren distintos actos en Galicia. Entre eles, a presentación dunha serie de documentais de carácter biográfico, un concurso, unha exposición itinerante e outras accións para difundir a obra de Xela Arias.