A Real Academia Galega lamenta o pasamento do académico de honra lancarés Basilio Losada

SarriaXa
A Real Academia Galega lamenta o pasamento de Basilio Losada, tradutor, investigador e docente, emigrante en Cataluña dende cativo
Basilio Losada pasamento Lancara RAG
10 Xul 2022

A Real Academia Galega lamenta o pasamento do académico de honra Basilio Losada (Láncara, 20 de xuño de 1930 – Barcelona, 9 de xullo de 2022). O tradutor, investigador e docente, emigrante en Cataluña dende cativo, foi primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona e referencia obrigada da cultura galega en Cataluña desde os anos 60. Dende alí realizou un destacado labor de animador cultural, tanto dentro como fóra das aulas, e exerceu de auténtico embaixador da lingua e a cultura galegas en Cataluña e, por extensión, en gran parte de España e Latinoamérica.

Como tradutor, Basilio Losada contribuíu á proxección das letras galegas fóra de Galicia vertendo ao castelán a autores como Xohana Torres, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Uxío Novoneyra, entre moitos outros. Poetas gallegos de posguerra (1971), Poetas gallegos contemporáneos (1972) e Poetas gallegos de hoy (1990), publicados en edicións bilingües son algúns exemplos deste labor. Destacan tamén as súas traducións de voces poéticas catalás ao galego e de clásicos e contemporáneos do mundo lusófono ao castelán, contribución que lle valeu, en 1991, o Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento de José Saramago.

Basilio Losada deixa ademais un importante legado como investigador e divulgador das letras galegas, portuguesas e brasileiras. Mestre apreciado polas xeracións de filólogos que se formaron xunto a el, mereceu tamén o recoñecemento de institucións do ámbito catalán, galego e lusófono. A Generalitat de Cataluña concedeulle a Creu de Sant Jordi, en Brasil recibiu a Orde do Cruceiro do Sul; en Portugal, a Comenda da Orde do Infante don Henrique; e en Galicia, a Medalla Castelao e o Premio Otero Pedrayo. No ano 2015 ingresou na Real Academia Galega como académico de honra cun discurso titulado Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro.

0.1469349861145