A recepción da Ministra de Turismo abre para a provincia a axenda en Fitur

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu este martes cunha recepción coa Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, no Museo do Prado de Madrid, unha intensa axenda de actos, presentacións e reunións para promocionar a provincia na Feira Internacional de Turismo (Fitur).
18 Xan 2023

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu este martes cunha recepción coa Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, no Museo do Prado de Madrid, unha intensa axenda de actos, presentacións e reunións para promocionar a provincia na Feira Internacional de Turismo (Fitur).

José Tomé xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu onte á xornada de apertura dos actos oficiais desta nova edición de Fitur. Desta maneira, o mandatario provincial marca o inicio de máis dunha vintena de actos e encontros nos que participará durante os dous días nos que estará nesta feira, unha das principais do mundo no sector do turismo, que conta con máis de 10.000 empresas expositoras de 170 países e 120.000 visitantes.

Este mércores teñen previsto asistir ás presentacións Galicia destino sostible: un turismo comprometido, que organiza o Clúster Turismo de Galicia; Santiago Now, do Concello de Santiago de Compostela; Los Geoparques Españoles; Xantar 2023: Expourense; a guía turístico-gastronómica...E para comer Lugo, que impulsa a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL); Manual del buen visitante en A Ribeira Sacra, do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra; Termatalia Uruguay 2023, de Expourense; e as iniciativas que dean a coñecer a asociación de municipios do Camiño de Interno a Santiago, entre outros eventos e reunións.

Lugo, provincia románica

O xoves será o día no que a Deputación de Lugo presentará a nova campaña de turismo Lugo, provincia románica, no expositor de Turismo de Galicia. Unha campaña protagonizada polo actor Chechu Salgado, natural de Sober e que foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación no 2022.  O mandatario provincial será o encargado de dar a coñecer as novidades desta campaña promocional nun acto no que tamén participará o propio Chechu Salgado.

Con esta campaña a Deputación aposta por un turismo cultural e paisaxístico, poñendo o foco no patrimonio como reclamo para os visitantes. “Levamos anos reforzando a promoción do patrimonio deste estilo arquitectónico co que conta a provincia de Lugo, un sinal de identidade e un poderoso reclamo turístico, ao redor do que artellar unha oferta de calidade, sostible, non masificada e de experiencias. Agora damos un paso máis e abandeiramos o románico como unha das nosas grandes apostas levándoo como principal atractivo a Fitur”, subliña José Tomé.

Ademais, este mesmo día tanto o Presidente como a Deputada de Turismo participarán nas presentacións da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, do Concello de Lugo,  do Xeodestino Ancares-Terras de Burón (GDR-3 e Montes e Vales orientais), da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, entre outras.

O xoves acudirán ademais á presentación da Feira Expomar 2023, que acollerá á tardiña a Casa de Galicia en Madrid.

Proxección da curtametraxe 'Amor viaxeiro'

José Tomé e Pilar García Porto acompañarán tamén o xoves ao grupo de alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación que resultaron gañadores dun dos premios do I Concurso Cómo dirías que es España sin decirlo, convocado por Netflix e Turespaña. O traballo audiovisual dos estudantes da escola provincial, Amor viaxeiro. Unha viaxe para o recordo, estrearase no expositor de Turespaña, xunto ao resto de gañadores do certame de ámbito nacional nun acto no que participará a Ministra de Industria, Comercio e Turismo.

0.17167496681213