A reconversión necesaria

TerraChaXa | SarriaXa | LugoXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
carlos gegundez
15 Nov 2023

Por Carlos Gegúndez

Dun tempo a esta parte están a agromar algunhas iniciativas interesantes no xeodestino turístico Ancares-Terras de Burón integrado por trece concellos que están situados nas serras orientais da provincia de Lugo. O Grupo de Desenvolvemento Rural GDR-3 que agrupa os concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Láncara, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pol e Ribeira de Piquín está a desenvolver, nomeadamente, un traballo de promoción dos diferentes recursos cos que contan todos eles conformando xa de seu un produto turístico moi completo que permite gozar de experiencias ben diferentes. O sector agrogandeiro leva moito tempo esmorecendo nesta área da nosa provincia polo que cómpre procurar novas oportunidades de negocio que sexan viables para unhas terras que están en situación de semiabandono. Obviamente, calquera iniciativa que se poña en funcionamento ten que ser respectuosa coa contorna e xaora sustentable. É mester procurar un equilibrio entre as accións antrópicas e as económicas en harmonía co medio ambiente. Non por obvio, debemos deixar de repetir con insistencia a necesidade de preservar o patrimonio natural e cultural desta área da Galicia oriental. De tal xeito que unha das actividades económicas alternativas ao aproveitamento tradicional destas terras orientadas á agricultura de autoconsumo pode ser perfectamente o turismo, sempre e cando se cumpran os parámetros sinalados con anterioridade.

TIPOLOXÍAS TURÍSTICAS

Os concellos deste xeodestino teñen como gran fortaleza o medio natural e a riqueza paisaxística, as micropaisaxes aparecen como o punto máis forte, de maneira que se houbera que definir a tipoloxía dominante, esta sería a do turismo de natureza á que sempre van ligadas outras modalidades como a práctica deportiva ao aire libe. A potencialidade deste espazo para o ciclismo, por exemplo, xa está máis que acreditada, pensemos en dúas probas de referencia para os afeccionados a este deporte que se desenvolven polas terras altas do leste, a Ancares Cycling Marathon para os que lles gusta transitar pola estrada e a Ruta dos Lobos da Fonsagrada para quen opta pola bicicleta de montaña. Poderiamos falar tamén de moitos quilómetros de rutas e camiños perfectamente acondicionadas para o sendeirismo e o montañismo ou mesmo unha actividade de escalada na parroquia da Fontaneira, concello de Baleira. Mais tamén podemos referirnos ao turismo gastronómico que conta con destacados emblemas como o butelo ou a androlla. De feito, cada vez os servizos de restauración e aloxamento teñen máis calidade, desde logo pode ser este un camiño atinado agardando que se incremente a oferta pouco a pouco. Tamén o turismo enolóxico cobra forza, unha novidade para moita xente que descoñecía a tradición de cultivar viñas nas ribeiras do río Navia, polo de agora son os concellos de Negueira de Muñiz, Fonsagrada e Navia de Suarna os que xa están a traballar na recuperación deste cultivo, penso que a superficie se vai ir ampliando e que se podería seguir río arriba chegando xa ao concello de Cervantes para recuperar terreos abandonados no que as vellas vides e mesmo algunha caseta de pedra se atopan agochadas entre a maleza. Non resultaría complexo seguir falando doutras tipoloxías como o turismo cultural e etnográfico, entre os que se inclúen recursos xa consolidados como as pallozas de Piornedo ou o Mosteiro de Santa María de Meira, por citarmos algúns dos exemplos máis representativos, sen esquecer tampouco as rutas xacobeas que atravesan o xeodestino, a máis recente, a vía Künig que aínda non acadou recoñecemento oficial, pero estase a facer un intenso labor de promoción que ten que dar os seus froitos. As posibilidades son infindas e tamén os recursos e as micropaisaxes dun extenso xeodestino, pero queda moito por facer se queremos dinamizar este territorio e evitar que siga esmorecendo ata converterse nun gorentoso pasto para os lumes, sería consecuencia da autodestrución. Por outro lado, haberá quen pense que seguir enchendo os montes de árbores de crecemento rápido e aeroxeneradores elevaría a produtividade, recoñezo que non teño datos sobre o volume de negocio que esas actividades están a xerar, tampouco sei a quen ou a cantos pode beneficiar, o que resulta evidente é que polo de agora a aposta inicial pola enerxía eólica e o eucalipto non conseguiu suturar a ferida demográfica, máis aínda, segue facéndose máis fonda. O despoboamento continúa e non hai tempo que perder, se o deixamos pasar, chegaremos a un punto sen retorno e a desexada reconversión necesaria xa non será posible.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15867209434509