A renovación do campo da Ribela executarase ao remate da tempada e estará lista para o curso 2026-2027

O campo de fútbol da Ribela, no que adestra e disputa os seus encontros como local a SD Sarrriana, será renovado finalmente ao remate da actual tempada, o que supón un atraso respecto aos prazos iniciais, xa que estaba previsto que os traballos concluísen durante esta tempada. Porén, a intervención executarase unha vez finalizada a competición e a previsión é que as instalacións estean plenamente operativas para o inicio da tempada 2026-2027.
As obras foron adxudicadas á empresa lucense Calfensa e inclúen a renovación integral do céspede sintético para adaptalo ás normativas de calidade e seguridade esixidas pola nova categoría na que compite o club. O proxecto contempla tamén a ampliación do terreo de xogo, a modernización do sistema de iluminación e actuacións sobre o rego e a drenaxe co obxectivo de garantir unha correcta evacuación das augas pluviais.
A intervención completarase coa substitución do equipamento deportivo, como porterías e banquiños, así como coa mellora do entorno do campo, que inclúe o peche perimetral e os accesos ás instalacións. Ademais, os traballos incorporan un plan de evacuación específico, obrigatorio segundo a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, para reforzar as condicións de seguridade do recinto.
O investimento total ascende a 707.188 euros, financiados maioritariamente pola Xunta de Galicia, que achegará 536.520 euros, mentres que o Concello de Sarria contribuirá con 221.256 euros para facer realidade esta actuación estratéxica para o deporte local.