A Romaxe no Camiño pechará as actividades do Ultreia et Suseia este sábado
Este sábado, 20 de xullo, rematarán as actividades no marco do Ultreia et Suseia coa Romaxe do Camiño, unha nova iniciativa do programa no que Carme López presentará o seu novo proxecto musical.
A artista do Incio levará á Sociedade La Unión o seu espectáculo ‘Carmela’ a partir das 11.30 horas, que dá nome a un disco que verá luz a finais deste ano. Durante a xornada, ademais da súa voz, percusións de man e algú recurso electrónico; estará tamén Antía Fernández ao fagot e Mounqup (Camille Hedouín) coa súa música electrónica.
Carme López, que vén de gañar recentemente un premio Martín Códax, pretende coa súa música traballar a música tradicional, facendo arranxos en favor das músicas orixinais.
Pola súa parte, a xornada deste sábado incluirá, ademais do espectáculo de Carme López, un xantar, un obradoiro de baile tradicional da man de Meigas e Trasgos e Peleriños, así como actuacións da Asociación Rúa da Música, Eris Mackenzie e Russ.