A Rúa da Música lamenta que o Esmorga non se volva a celebrar e critica a falta de apoio económico
A Asociación Rúa da Música amosou en redes sociais o seu apoio aos organizadores do Festival Esmorga, que anunciou recentemente que este ano non ían celebrar outra edición.
"Lamentamos moitísimo a noticia de que deixan de organizar o festival por falta de apoios. É unha mala noticia para Sarria deixar de contar con este evento que tanto enriquecía a cultura musical sarriá".
Explicaron que este evento musical forma parte da rede de asociacións, eventos e iniciativas musicais e culturais que existen en Sarria, promovidas por numerosas persoas que, "por amor á vila e á música, arriscan cada ano en cada evento para que poidamos desfrutar dunha cultura diversas, aberta e accesible para todos".
Anticipación do que pode suceder a outros festivais
Por outra banda, dixeron que o que lles pasou aos organizadores de Esmorga é tamén un adianto do que lles pode suceder a eles porque, como din, "esta situación pode repetirse e afectar a máis organizacións, xa que Sarria é unha vila que se atopa fóra dos grandes círculos da industria musical, que é onde máis se están destinando os recursos públicos, contra o que non podemos competir".
Así, lamentan que "corremos o risco de, no mellor dos casos, vernos obrigados a reducir a nosa oferta cultural e minguar o tamaño e as ambicións dos nosos proxectos, e no peor, ter que vernos na tesitura na que se viron os organizadores de Esmorga, abandonando os proxectos por ser inviables".