A rúa José Antonio, de Sarria, pasará a chamarse Xela Arias
A rúa José Antonio, de Sarria, pasará a denominarse rúa Xela Arias, segundo vén de acordar a comisión de protocolo do Concello. O cambio na denominación será levado á reunión do pleno ordinario, que se prevé celebrar a vindeira semana, para facerse efectivo.
A proposta de poñer o nome de Xela Arias, a poeta do municipio á que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas, á actual rúa José Antonio contou cos votos a favor dos representantes dos grupos municipais de Camiña Sarria, Galicia Sempre, BNG e PSOE. O PP opúxose á decisión pero non por estar en contra do cambio, explicaron, senón porque consideran que antes de abordar no pleno ese asunto debería facerse un estudo para coñecer a opinión dos veciños e veciñas e ver se o cambio pode afectar dalgún xeito aos negocios da zona.
ESCOLA INFANTIL
A comisión de protocolo aprobou tamén este mércores, e neste caso por unanimidade, a proposta da Escola de Educación Infantil de Sarria (EEI) para incorporar o nome de Xela Arias á súa denominación, tal e como solicitaran desde o Consello Escolar do centro. O acordo será levado igualmente ao vindeiro pleno co fin de ratificalo.