A Ruta 4x4 de Sarria congregou a 425 vehículos e arredor de 650 persoas na súa XI edición
A Ruta 4x4 de Sarria, organizada polo Concello de Sarria e a asociación Os Carro x Catro, foi todo un éxito de participación con 425 vehículos e arredor de 650 persoas, incluíndo condutores e organizadores do evento.
Así, persoas de toda Galicia, pero tamén de Estremadura, Madrid, Toledo, Asturias e León participaron dun evento recuperado no 2022 despois dun parón de seis anos coa axuda do Concello de Sarria, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.
Durante tres días, os participantes puideron percorrer 120 km arredor da comarca de Sarria, pasando por Láncara, Becerreá, Baralla, Triacastela e Sarria; lugares onde desfrutaron da paisaxe, pero tamén da compañía nas paradas e comidas.
Tal e como explica Víctor, de Os Carro x Catro, “houbo moitísima xente como público e moitísima expectación, tanto ao longo das rutas como no monte”.
As diferentes probas nas que participaron os 425 vehículos, deixaron como gañadores a Miguel López, en motos; a Dani Cela, en quads; a Francisco José Pérez, en buggies; a Manuel Neira, en todoterreo; e nas probas de obstáculos os premiados foron Maykel Rivas e Álex Méndez.
Ademais, como novidade, este ano organizáronse unhas probas para menores de 14 anos no Polígono do Morelle como actividade previa á Ruta 4x4, así como varios organizadores da iniciativa se achegaron ao instituto Gregorio Fernández de Sarria, para exhibir diante do alumnado dous vehículos todoterreo, unha moto, un quad e un buggie.
Valoración desta edición
Os organizadores valoraron esta edición como “moi boa, pero cun sabor agridoce, xa que a pesar de que houbo moitísima xente participando e de público, a dúas semanas da celebración da actividade atopámonos con moitos problemas”.
Explican que “lamentamos as dificultades para conseguir os permisos administrativos para facer a ruta, xa que tivemos máis complicacións que outros anos, pero tiñamos que facela porque a xente xa estaba inscrita. Porén, se soubésemos hai dous meses que isto ía ser así, non a celebrábamos”, sosteñen.
Así, din que “é chocante que unha actividade con tanta afluencia de público teña que suplir tantas problemáticas para poder celebrarse”, polo que a partir de xaneiro analizarán se o ano que vén lles compensa celebrar unha nova edición.
Se a decisión é non celebrala, están pensando en organizar unha Festa do Motor na que se poidan reunir todas as clases de vehículos e probas de obstáculos durante todo un día no Polígono do Morelle.