A Ruta Corga's do DHG Team foi todo un éxito
Este domingo, 13 de outubro, desenvolveuse a nova ruta promovida polo DHG Team coa axuda do Concello de Sarria, o Concello de Láncara e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Ruta Corga's 2024.
Desde a organización defenden que foi "todo un éxito" e que teñen "moi boas valoracións, tanto da ruta en si, que foi moi bonita, como da comida e organización en xeral do evento".
Ademais, destacan que a participación foi moi alta, xa que houbo 200 persoas que participaron das rutas de nivel adulto, que foron unha curta, de 35 kms cun desnivel de 700+; e unha longa, cunha distancia de 55 kms e un desnivel de 1500+.
Pola súa parte, outros 100 nenos e rapaces participaron da ruta infantil, que acollía dúas distancias: unha longa de 8 km, na que recomendan andar con fluidez; e unha ruta curta de 4 km; así como houbo, ao remate das rutas, unha xincana de obstáculos para facer o desenvolvemento de dita iniciativa máis divertida e entretida.